Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Baiona Agrávase o conflito pola diminución do servizo de ambulancias 061. Concentración ás 12 h en Baiona.

Agrávase o conflito pola diminución do servizo de ambulancias 061. Concentración ás 12 h en Baiona.

Correo-e Imprimir PDF
manifestacion_eliminacion_ambulancia_061

Concentración ás 12 horas nas portas do Concello de Baiona contra a diminución do servizo de ambulancia.
Para Urxencias Sanitarias 061 a cobertura está garantida en todo o territorio galego.
CIG, CCOO e UGT presentaron convocatoria a unha folga del sector para o vindeiro xoves 8 de setembro.

A Confederación Intersindical Galega (CIG) convoca a unha concentración ás 12 horas, nas portas do Concello de Baiona en protesta pola diminución do servizo de ambulancia 061. O chamado faise no marco da presentación no día de onte, na Consellería de Sanidade dunha convocatoria á folga para o vindeiro xoves 8 de setembro que abrangue a todos os traballadores das empresas de transporte de enfermos e accidentados de Galicia.

A folga do 8 de setembro irá de 0 a 24 horas e conta co apoio da CIG, CCOO e UGT. A medida responde á diminución do servizo de ambulancias que se aplicará a partir do próximo sábado 10 de setembro e que afecta aos concellos de Baiona, Ponteareas, Marín, Vigo e A Mariña , e que repercute na asistencia dos concellos da contorna. Segundo declaracións á prensa de fontes d a empresa responsable do servizo, a redución do horario nocturno de cinco ambulancias asistenciais responde a un estudo previo da rede de transporte sanitario urxente, no que foron valorados parámetros como a demanda, a proximidade de centros sanitarios ou o volume de poboación.

Para Urxencias Sanitarias 061 a cobertura está garantida en todo o territorio galego.

Segundo Urxencias Sanitarias 061, a cobertura está garantida en todo o territorio, a través dun dispositivo propio que inclúe 101 ambulancias asistenciais (sen equipo médico, pero nas que se despraza ao persoal de garda dos centros de saúde), 11 ambulancias medicalizadas (distribuídas entre as sete grandes cidades, Foz e Sanxenxo no verán) e dous helicópteros medicalizados (en Ourense e Santiago).

No caso de Foz, indican, a redución do horario nocturno da ambulancia asistencial estará cuberto pola ambulancia medicalizada, e Vigo, onde se prescinde dunha ambulancia de fin de semana, seguirá contando con cinco ambulancias asistenciais e dúas medicalizadas. En Ponteareas, continúan, unha das dúas ambulancias asistenciais seguirá activa 24 horas; Marín estará cuberto por Pontevedra (dous asistenciais e unha medicalizada) e por Bueu, e Baiona, pola ambulancia asistencial de Nigrán.

A CIG alerta que a diminución do servizo de ambulancias agrava a situación de cobertura e afasta a Galicia dos parámetros da Organización Mundial da Saúde

Nun comunicado público, a central nacionalista sinala que a diminución de ambulancias que afecta a Baiona, Ponteareas, Marín, Vigo e A Mariña lucense terá "graves consecuencias" para a calidade e cantidade dos servizos públicos prestados polas ambulancias na autonomía. A CIG achega que segundo parámetros da OMS “debería haber unha ambulancia de  Soportel Vital Básico por cada 25.000 habitantes e unha ambulancia de Soporte Vital Avanzado  por cada 120.000 habitantes.”

Fronte a isto, a CIG informa que Vigo, con 297.124 habitantes, só conta cunha ambulancia de “Soporte Vital Básico” por cada 49.521 habitantes (día); unha ambulancia de “Soporte Vital Básico” por cada 99.041 habitantes (noite) e unha ambulancia de “Soporte Vital Avanzado” por cada 297.124 habitantes. A Coruña, con 246.047 habitantes dispón dunha ambulancia de “Soporte Vital Básico” por cada 61.511 habitantes (día); unha ambulancia de “Soporte Vital Avanzado” por cada 123.023 habitantes. No caso de Pontevedra, conta cunha ambulancia asistencial por cada 62.000 habitantes, co que triplica as recomendacións da OMS; Vilagarcía conta cunha ambulancia cada 50.000 habitantes e Cambados 1 cada 31.000 habitantes.