Domingo, 19 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor O delegado da Xunta en Pontevedra felicita á empresa responsable da desfeita arqueolóxica en Oia.

O delegado da Xunta en Pontevedra felicita á empresa responsable da desfeita arqueolóxica en Oia.

Correo-e Imprimir PDF
O delegado da Xunta José Manuel cors Tourís percorre as plantacións de kiwi en Oia.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou na mañá deste luns 25 de xuño, as plantacións de kiwi no concello de Oia, propiedade da empresa "Kiwi Atlántico", acompañado polos responsables da mesma. O representante autonómico salientou que a empresa é a principal no seu rubro, "xa que comercializa o 70% de todo o kiwi que se vende en España". A visita, da que non foi avisada a prensa local, foi informada mediante un comunicado de prensa da Xunta de Galicia. A plantación sitúase en terras alugada á Comunidade de Montes de Burgueira, e durante a súa construción foron esnaquizados un xacemento romano e mais o gravado "Da Mouta", unha peza de arte rupestre de entre 4 a 6 mil anos, a pesar de que tanto a empresa como as autoridades foran advertidas pola asociación SOS Groba da súa existencia no transcurso das obras.

Segundo o devandito comunicado, Cores Tourís sinalou que "este tipo de iniciativas axudan a loitar contra a crise", e que a empresa " contou co apoio da Xunta para o seu desenvolvemento e agora podemos comprobar o éxito da mesma, xa que produce 7.000 toneladas de kiwi ao ano en Galicia”.

Se ben na nota da administración, fálase dunha cooperativa, Kiwi Atlántico é unha sociedade anónima con sede no concello de Ribadumia, fundada en 1998 por 30 produtores galegos e asturianos. Na actualidade a sociedade está integrada por 70 socios - produtores, e 20 produtores - colaboradores. Kiwi Atlántico S.A. conta con 48 hectáreas de explotación en Oia, e o outras 240 en varios concellos de Galicia. Tamén ten plantacións en Asturias, Cantabria, País Vasco e Navarra. Conta cunha plataforma loxística de envasado e distribución para a zona norte de España en Bilbao e outra para Galicia en Ribadumia. Segundo informaran os seus representantes durante a visita "Cando o kiwi galego aínda está a crecer, Kiwi Atlántico atende a demanda deste produto coa produción que xeran as súas plantacións de Uruguai e Chile", afirman no comunicado.

O representante do goberno galego remarcou que Kiwi Atlántico S.A. é "un exemplo de bo facer de cara a loitar contra a crise económica que nos está tocar a vivir”.