Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor SOS Groba presentará unha nova queixa contra a desfeita arqueolóxica de Oia.

SOS Groba presentará unha nova queixa contra a desfeita arqueolóxica de Oia.

Correo-e Imprimir PDF
Petróglifo da Mouta antes da desfeita.

O caso da desfeita arqueolóxica na parroquia de Burgueira en Oia no quedará pechado a pesar do arquivo das dilixencias ordenado pola fiscal Natividad Gurriarán. A asociación SOS Groba presentará un escrito ao Fiscal Xeral Carlos Varela coa intención de modificar a resolución de Gurriarán "que mais que unha actuación fiscal parece a do avogado defensor da empresa e a administración involucradas na destrución do patrimonio arqueolóxico", afirmou un portavoz da plataforma.

Natividad Gurriarán é a Fiscal Delegada de Medio Ambiente e Ordenación del Territorio da Fiscalía Provincial de Pontevedra. A letrada foi a encargada de dilixenciar a denuncia presentada polo SEPRONA e mais o PSOE de Oia, na que se daba conta da destrución dun conxunto de petróglifos (Da Mouta) e mais un xacemento romano declarados Ben de Interese Patrimonial (BIP) pola Xunta de Galicia, durante os traballos de preparación dunha plantación da empresa Kiwi Atlántico Fincas S.L. en terras da Comunidade de Montes de Burgueira (Oia ).

No escrito a fiscal fundamenta a súa decisión na falla de delito por parte dos implicados por entender que eles descoñecían a existencia dos BIP. En todo caso e sen que tampouco constitúa delito, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural foi a responsable ao non comunicar oficialmente ao Concello de Oia e existencia de eses BIP catalogados dende 2007 segundo o afirmado pola funcionaria.

No informe da fiscal Gurriarán tamén se menciona a falla de licenza e autorización dos responsables das obras, o que "constituye una clara infracción administrativa" que entende deberá dilixenciar o Concello de Oia e mais a Xunta de Galicia. En ningún momento da súa argumentación, a fiscal relaciona a falla de licencias e autorizacións coa ignorancia das obrigas dos responsables. Tampouco menciona a existencia de testemuñas detalladas dos feitos formulada polo profesor Xilberte Manso e o arqueólogo Xosé Lois Vilar a pedido do SEPRONA que polo menos poñería en dúbida a presunta ignorancia das autoridades do Concello de Oia sobre a existencia dos BIP en Burgueira.

Segundo SOS Groba o presidente da Comunidade de Montes de Burgueira Camilo González Giráldez foi informado persoalmente da existencia dos BIP o día 11 de abril de 2010, antes da destrución total dos mesmos. O dato que consta nas testemuñas recollidas e presentadas no atestado do caso pola SEPRONA non foi mencionado pola fiscal Gurriarán no seu ditame. Camilo González Giraldez non só é o presidente dos comuneiros de Burgueira, tamén é o Concelleiro de Urbanismo de Oia e o seu Tenente de Alcalde, ademais de funcionario forestal da Xunta de Galicia no devandito monte.

Por outra banda, na testemuña aportada polo SEPRONA á fiscal se informa que un día antes do aviso ao concelleiro de urbanismo, o arqueólogo Víctor Barbi da Delegación da Consellería de Cultura de Pontevedra estivo na plantación onde comprobou a desfeitas sobre os BIP que el mesmo había catalogado e ordenou a paralización inmediata das obras.

Por outra banda a non vinculación da falla de licenza e autorización da obra co debido coñecemento da existencia dos BIP podería al menos quedar en dúbida se segundo a devanditas testemuñas, González Giráldez preguntou e obtivo do arqueólogo Xosé Lois Vilar os números correspondentes a cada BIP o día 12 de abril de 2010. Dúbida que se reforza coa existencia desa información na redacción do novo Plan Xeral de Ordenamento Territorial de Oia realizada pola empresa contratada pola administración e da que SOS Groba ten documentación probatoria.

O día 29 de abril o xornal La Voz de Galicia recolle declaracións do alcalde de Oia Alejandro Rodríguez quen di "El único que puede paralizar esa obra es el alcalde y no lo he hecho porque Oia tiene que mirar al futuro, no al pasado, y unas piedras no pueden ser un obstáculo para que se pueda producir o no." Un día despois o SEPRONA visitaba o concello de Oia cunha solicitude de paralizacións das obras á que Rodríguez se opuxo.

Finalmente o 7 de maio e cando xa non quedaba ningún BIP posible de recuperar o Concello de Oia ditou o decreto 132/10 iniciando un expediente de protección da legalidade urbanística e ordenando a inmediata suspensión das obras.

"Que máis pode facer un cidadán cando ve que se va cometer un delito?" se pregunta o profesor Xilberte Manso. Ante a posible impunidade desta estratexia de "feitos consumados" a plataforma SOS Groba intentará unha revisión dos feitos, presentando una queixa formal esta vez ante o Fiscal Xeral Carlos Varela.