Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor A fiscalía ordenou o arquivo de dilixencias pola desfeita arqueolóxica en Burgueira, Oia.

A fiscalía ordenou o arquivo de dilixencias pola desfeita arqueolóxica en Burgueira, Oia.

Correo-e Imprimir PDF
O petróglifo da Mouta en Oia logo da desfeita. Imaxe: Xilberte Manso

A fiscal Natividade Gurriarán Fernández ordenou o arquivo das dilixencias á empresa Kiwi Atlántico Fincas S.L. e mais ao goberno de Oia no entendido que non hai delito “contra la ordenación del territorio”, nin cabe o “delito de daños contra el patrimonio histórico” nin trátase dun caso de desobediencia da autoridade municipal no caso da plantación de kiwis que segundo denuncia do SEPRONA destruíu un grupo de petróglifos e provocou graves danos nun xacemento arqueolóxico romano na parroquia de Burgueira, Oia.

A plataforma miñorana SOS Groba fixo público o Acordo fiscal asinado o pasado 28 de outubro e comunicado sete días despois ao Concello de Oia. A organización defensora do medio ambiente manifestaba a súa indignación “Produce cabreo e asusta ver que aqueles que teñen que ampararnos, ao remate, están permitindo a destrución do noso patrimonio dun xeito alarmante”, afirma no seu blog.

Segundo o ditame fiscal os feitos non constitúen delito contra a ordenación do territorio “ya que las obras: roturación de terreno para plantación de kiwis, no constituyen construcción ni edificación en el sentido requerido por el art. 319 C.p.”.

A fiscal Gurriarán tamén descarta a posibilidade dun delito de danos ao patrimonio histórico tipificados polos artigos 323 e 324 do Código Penal. Ambos os dous tipifican como delito a produción de danos dolosos e imprudentes respectivamente, entre outros bens aos xacementos arqueolóxicos e bens de valor histórico ou cultural. Para a letrada a destrución do petróglifo da Moura e mais o xacemento romano non poden ser incluídos nestas disposicións porque “para ello no basta la existencia del daño en cuestión, que en este caso parece haberse producido, sino que también es precisa la voluntad de causarlos, en el supuesto del art. 323 C.p., o la imprudencia en la producción, en el supuesto del art. 324”, explica.

Estes supostos, segundo o devandito informe, non se cumpren pois o Concello nunca recibiu o informe da existencia deses bens nin a súa inclusión no inventario da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia. Por outra parte non existía ningún tipo de protección sobre os ben , salvo o devandito informe“por lo que no es posible exigir mayor cuidado en este aspecto al promotor de las obras. Ellos sin perjuicio de que realizaba las obras sin haber soicitado licencia, lo que constituye una cara infracción administrativa”. De todo isto, a fiscal entende que a empresa que realizara as obras “no tenía forma de saber que el terreno en el que obraba contenía algún bien de valor cultural o histórico”.

Indignación e respota de SOS Groba.

SOS Groba fai unha resposta crítica ao acordo legal e á actitude das autoridades municipais no seu blog “Como se pode dicir que non hai delito si publicamente un alcalde declara na prensa que non para as obras por que non quere?. Como se pode dicir que non hai delito por parte da empresa, cando se lle comunica tan pronto como se detectan as obras ao tenente alcalde ,presidente da Comunidade de Montes de Burgueira e vixiante forestal (tódolos cargos na mesma persoa) as afeccións que se estaban a producir e, sobre o mesmo terreo lle ensinamos as agresións e desfeitas sobre o patrimonio?. Como se pode dicir que o concello non estaba informado si publicamente o alcalde manifesta que si sabe o que hai e o que se está a producir no intre mesmo de se producir -por telo informado os membros do IEM da sección de arqueoloxía ao Seprona e a Delegación de Patrimonio en Pontevedra- e recibir desta mesma unha comunicación de paralización?. Que hai que facer entón para evitar un delito?

Posible falta administrativa por falla de licencias.

Por último, o ditame da fiscal anuncia que os feitos “sí parecen constituir una infracción administrativa, al haberse iniciado las obras de roturación del terreno y plantación sin las correspondientes licencias y autorizaciones “ polo que solicita que se comunique o decreto ao Concello de Oia e a Xunta de Galicia co fin de que incoen os expedientes que procedan.