Xoves, 2 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor A Xunta de Galicia somete a información pública o borrador do decreto do novo canon da auga.

A Xunta de Galicia somete a información pública o borrador do decreto do novo canon da auga.

Correo-e Imprimir PDF
grifo_credito-300x294

O Goberno galego somete a información pública  ata mediados de setembro o borrador do decreto polo que se regulará o novo canon da auga previsto na Lei de Augas, elaborada polo actual Goberno, e que segundo anuncia " garantirá financiar na súa totalidade o ciclo da auga."

Trátase do inicio da tramitación do cuarto dos regulamentos que desenvolven a Lei de Augas de Galicia. O canon da auga substituirá ao actual canon de saneamento, e se creará unha taxa de depuración chamada coeficiente de vertido. Esta estará vinculada á explotación das estacións de depuración por parte da Xunta, equivalente ás taxas de depuración que cobran os concellos e incompatible con elas.

O canon da auga terá un carácter finalista, é dicir, permitirá financiar única e exclusivamente actuacións en materia de obras de saneamento e abastecemento, a explotación de depuradoras de augas residuais e a xestión dos ríos. Anteriormente, o canon de saneamento só financiaba obras de saneamento, por tratarse da prioridade fundamental, pero agora se debe traballar en todos os aspectos do ciclo da auga.

Usos domésticos e gandeiros

O novo canon incorpora "criterios de progresividade e equidade"o que " mellora o actual canon de saneamento", asegura o goberno do popular Alberto Núñez Feijóo. O goberno argumenta que no primeiro dos casos," porque a tarifa doméstica estruturase en diversos tramos segundo o consumo, no que se terán en conta o número de persoas por vivenda". Respecto da equidade, "os cidadáns pagarán o mesmo independentemente de onde vivan". Na actualidade," os cidadáns abastecidos por redes de saneamento públicas en núcleos menores de 2000 habitantes non pagan canon e reciben o mesmo servizo que nas cidades", aseguran. Agregan que os usuarios de servizos de depuración xestionados pola Xunta non sustentan ese custe; mentres que se o encargado e o concello si que o fan," con tarifas e niveis de calidade moi dispares".

Segundo o comunicado de prensa emitido na mañá deste martes 8 de agosoto, " aplicaranse descontos a familias numerosas, mentres que as comunidades de usuarios e captacións propias, é dicir os pozos e traídas particulares non estarán obrigados de pagar o canon da auga", tal e como se acordou cos sindicatos agrarios.

A aplicación nas industrias

O canon da auga para os usos non domésticos (industriais na maior parte) busca un dobre obxectivo: "que estas entidades participen proporcionalmente ao seu impacto na mellora do ciclo da auga, e a diminución da contaminación vertida, incentivando coas tarifas que compense depurar os afluentes das industrias cos máximos rendemento posibles, mellorando as condicións das autorizacións de vertido. Séguese así o principio de quen contamina paga, e quen máis contamina, máis paga."

O canon para os usos non domésticos tamén está subxecto ao principio de progresividade, é dicir," cun consumo inferior a 2.000 m3/ano se asimilan aos domésticos e, aqueles que o superen tributan unha tarifa superior á da dos usos domésticos dende o primeiro metro cúbico."

Segunda comunidade co canon máis barato

"O canon da auga a aplicar será aínda o máis barato de España", afirma o goberno autonómico, "xunto co que se cobra en Andalucía". Agrega que si se revisan as tarifas domésticas do canon vixente noutras comunidades autónomas, "en Cataluña a tarifa do canon da auga para o tramo ata 10 m3 é de 0,39 €/m3 (por comparación aos 0,28€ /m3 do novo canon de Galicia). En Aragón a tarifa do canon é de 0,47€ /m3, sen mínimos exentos e cunha cota fixa de 3,94 €/mes (en Galicia o novo canon prevé unha cota fixa de 1,5 €/mes). En Asturias a tarifa é de 0,36 €/m3 sen mínimos exentos. En Castela -A Mancha, a tarifa é de 0,42 €/m3 sen mínimos exentos. En Andalucía é de 0,10 €/m3, pero a lei andaluza establece un segundo tributo, o canon de mellora de infraestruturas, de 0,60 €/m3."