Venres, 17 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán UCN-CDL pedirá a revisión dos recibos do lixo e suspender o período de cobranza para emendar irregularidades.

UCN-CDL pedirá a revisión dos recibos do lixo e suspender o período de cobranza para emendar irregularidades.

Correo-e Imprimir PDF

UCN sostén, que o haberse efectuado un novo padrón de contribuíntes, tomando como referencia base o catastro, é dicir o padrón de bens inmobles de natureza urbana (IBI), pódese estar producindo un erro no cómputo das superficies destinadas aos locais comerciais, onde se inclúen espazos anexos, tales como almacén ou dependencias auxiliares (antes non computadas), que orixinou un cambio de tarifa na maioría dos locais, tanto de hostalería, como comerciais e ata industriais. O mesmo pode estar ocorrendo -coa inclusión por erro-, de construcións auxiliares, " tales como galiñeiros, garaxes, grelladas etc, que nada ten que ver con vivendas, exentas da taxa de lixos".


Por iso o seu portavoz, Antonio Fernández Comesaña, presentará por vía de urxencia, no próximo pleno ordinario do mes de xaneiro, que terá lugar o día 30 ás 10h, unha moción pola que se someterá á consideración do Pleno da Corporación, a suspensión do período voluntario de cobranza da Taxa de recolleita de lixos do ano 2013, que foi posta ao cobro durante o período do 20 de decembro de 2013 ao 20 de febreiro de 2014,ambos inclusive, así como iníciese unha comprobación exhaustiva de todos os contribuíntes por actividades económicas, "que viron incrementado de forma desmesurada a súa importe, en relación co ano 2012, para depurar posibles erros, así como aclarar a orixe das 729 novas altas incorporadas ao padrón, de vivendas como locais de negocio".
Segundo Fernández a causa do incremento "desmesurado", que nalgúns casos supera o 260%, ten a súa orixe na variación dos elementos tributarios efectuados polo Concello, sen que previamente fosen revisados nin debidamente notificados de forma individualizada, "esixencia por imperativo lega"l, que ademais respecta o dereito dos contribuíntes, "e non de xeito colectivo mediante publicación no BOP". Obrigación que existe -sinala- tamén para as novas altas incorporadas ao padrón, orixinando "unha clara indefensión aos contribuíntes, e risco de anulación dos recibos".
Fernández Comesaña, cualifica como unha "hipocrisía" do alcalde, Alberto Valverde, cando anuncia unha " ínfima rebaixa do 2,6% en postos do mercado da Ramallosa, ou do 10% nalgunhas terrazas que só se utilizan no verán, para así querer tapar o malestar e indignación entre os veciños, polo brutal incremento producido no recibo do lixo". Todo isto,sinala, independentemente do incremento aprobado do 3,5%, no pleno do 26 de decembro do 2012, "cando de verdade o que persegue é un afán recadatorio desmesurado, sen importarlle asfixiar tanto a familias, con dificultades para chegar a fin de mes, como actividades económicas, facendo o contrario do que predica".