Luns, 27 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar De Lis da conta da súa xestión urbanística e espera que a futura administración "valore este traballo".

De Lis da conta da súa xestión urbanística e espera que a futura administración "valore este traballo".

Correo-e Imprimir PDF
alfonso-de-lis

A redacción do Plan de Urbanismo de Gondomar levou 408 días. Dende o 31 de marzo de 2010 ata a entrada ao rexistro do Concello do derradeiro informe sectorial favorable dos técnicos do POL. A xestión remata unha primeira etapa na que se levan invertidos 300 mil euros. O futuro goberno do municipio terá "un plan vivo e axustado aos criterios da Xunta", opinou o concelleiro de urbanismo Alfonso De Lis durante a rolda de prensa que ofreceu na Casa da Cultura de Gondomar, este venres 20 de maio.

Os veciños deberán agardar agora a decisión da nova administración que xurda das eleccións do vindeiro domingo 22, sobre cando e en que condicións levar o PXOM ao pleno da corporación para a súa aprobación inicial. Unha vez obtida a aprobación inicial, o documento pasará a exposición pública durante dous meses a fin que os interesados podan constatar a súa situación e formular as alegacións que entendan oportunas. De Lis expresou sentirse satisfeito do traballo realizado pola empresa Eptisa, encargada da redacción e matizou que espera que o futuro goberno e a oposición "valoren este traballo".

De aprobarse este plan, Gondomar deberá orientar a súa expansión urbanística nun horizonte de crecemento poboacional de 4000 habitantes nos próximos 12 anos. Este cálculo que fora cuestionado nun principio pola Xunta na revisión do documento por non axustarse ao últimos datos do IGE, foi finalmente aceptado cando a delegación gondomareña demostrou que os datos do IGE respondían a unha realidade do ano 2005. Ademais os 174 núcleos poboacionais de Gondomar, rexistraron crecemento , segundo os documentos presentados ante a administración autonómica. Todo isto, unido a que non se outorgaban licenzas urbanísticas dende 2005, convenceron á Xunta para que modificara o seu criterio.

Por outra banda o concelleiro asegurou que a Serra do Galiñeiro leva a protección de Espazo Natural, a maior que pode outorgarse dende a lexislación municipal. Opinou que agora tocará complementarlla coa ampliación que a Xunta de Galicia debe realizar da Red Natura, xuntando a serra o parque do Monte Aloia.

De Lis deu conta da súa labor na concellería de Urbanismo de Gondomar.

A xerencia de urbanismo non saíu polas "diferentes sensibilidades dos membros de goberno", afirmou De Lis ao ser consultado pola contratación directa do avogado Martínez Torea e a non posta en marcha da devandita xerencia. De feito,o Concello tiña unha previsión orzamentaria de 50 mil euros a tal fin que non foron utilizados nela. De Lis asegurou seguir sendo partidario deste departamento onde estaría ademais dos técnicos municipais, representantes de tódolos grupos con representación no pleno municipal.

O concelleiro valorou que a revisviscencia das normas anteriores ao Plan Xeral do 97 permitiu que hoxe en Gondomar se outorgasen 63 licenzas das cales 26 corresponden a vivendas unifamiliares . "Esto é xente traballando, empresas que non pechan", opinou De Lis. Consultado sobre a seguridade xurídica que as devanditas licenzas brindan aos seus posuidores por ser outorgadas durante o afastamento das Técnicas Municipais das súas funcións de control, De Lis asegurou estar disposto a concorrer ante calquera xuíz a defender o actuado.