Martes, 23 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar Búscase xerente para Gondomar...

Búscase xerente para Gondomar...

Correo-e Imprimir PDF

De prosperar a inciativa do concellerio Alfonso de Lis, Gondomar contará cun ente autónomo de xerencia en materia de urbanismo. Creado co dobre fin de axilizar e dar transparencia aos trámites urbanísticos, a entidade contaría cun xerente contratado a través dunha convocatoria aberta.

Os estatutos do órgano xa están a estudo do servizo xurídico do municipio e o goberno espera poder presentalos no próximo pleno para a súa aprobación. Se ben será posto a coñecemento público nos próximos días, o concelleiro adiantou algúns detalles deste. O organismo estará dirixido por un consello reitor integrado polo alcalde como presidente, o concelleiro de urbanismo como vice e un número de vogais representativo da integración do pleno. Consultado ao respecto, De Lis informou que de aplicarse nestes momentos o ente estaría presidido por Martín Urgal, el como vicepresidente, dous vogais do PP, un do BNG, un de Move Gondomar e os tres concelleiros non adscriptos posto que non poden ser considerados como membros dun mesmo partido político.

Con respecto á figura do xerente, este será elixido a través dunha convocatoria regulada e aberta e o consello reitor fixará o seu soldo. A contía da retribución deberá estar comprendida dentro dun presuposto xeral de 50.000 euros cos que se conta para todo o funcionamento do organismo.

Ademais do necesario desbloqueo que en materia de urbanismo demanda o concello, De Lis fundamentou a proposta na necesidade dunha instancia que asegure a transparencia da xestión urbanística de aquí en máis. Afirmou que iso debe comezar dende a propia elección do xerente e é por iso que “non dou nomes e non o farei" pois debe procesarse "sen restrinxir o dereito do calquera cidadán a participar na convocatoria".

Consultado sobre se este órgano é unha medida para eludir o seu actual enfrontamento coas técnicas municipais xerando unha instancia que estea por enriba das súas competencias, o concelleiro respondeu que as funcionarias pasarían a estar adscriptas a esta xerencia e polo tanto a formar parte desta. De Lis rematou o diálogo afirmando que esta fórmula "é a máis democrática que en materia de urbanismo conte concello ningún".