Tras catro días de convivencia e troco, os participantes da segunda edición do Festival de Teatro Ponte... Na Escena, pecharon durante a fin de semana varios acordos de colaboración para levar montaxes e artistas galegos a participar nos circuítos de Brasil, Portugal e Francia; ao tempo que en Galicia se abre para estes países un circuíto no que representar as súas montaxes. Quedou así establecida unha rede de intercambio entre as compañías que participaron nesta segunda edición do festival, cuxos membros se mostraron ilusionados pola existencia desta nova plataforma de troco cultural; e agradecidos pola acollida que se lles brindou desde a Asociación Ponte...Nas Ondas, o Concello de Gondomar e a Casa Colorida de Nigrán, onde estableceron a súa residencia artística.
Santiago Veloso, organizador de Ponte... Na Escena valorou esta rede como “unha ponte que une as artes escénicas dos dous lados do Atlántico e que nos vai dar a oportunidade de coñecer a creadores de moita calidade; e tamén de levar o teatro galego alén das nosas fronteiras”. Veloso engadiu que “desde a organización do festival sentímonos moi satisfeitos da súa evolución e da implicación da xente que se integrou no proxecto e que creu coma nós que pagaba a pena darlle forma a un imaxinario común que todos os integrantes da lusofonía levamos na nosa bagaxe, pero que era necesario plasmar na realidade”.
Pola súa parte, o concelleiro de Cultura de Gondomar, Ignacio Troncoso, destacou o ambiente de compañeirismo do festival e engadiu “foi moi satisfactorio percorrer estes días as rúas de Gondomar e sentir como a vila xa cheiraba a festival”. En referencia ás noticias publicadas por xornais brasileiros sobre a programación do festival, asegurou sentirse ilusionado “porque cando ves un festival tan noviño chegar á prensa estranxeira en tan so dúas edicións tes a sensación de estar participando na construción de algo importante do que van tirar proveito de moitos cidadáns; e nese sentido continuará a nosa aposta”.