Luns, 9 Dec. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Axenda Nova xornada de teatro e música no Festival de teatro Ponte...na escena

Nova xornada de teatro e música no Festival de teatro Ponte...na escena

Correo-e Imprimir PDF
Bocaccione Foto Ollomol

A compañía Bocaccione enganchou cunha proposta moi contemporánea a un público sorprendido e entregado ao disfrute do sotaque brasileiro.

Un Foro Aberto do teatro, Qualquer coisa a gente inventa, ZÉ DO PITO O MATA 7, AMNÉSIS e a cantante JU son as propostas para esta xornada

 

A xornada comezará co Encontro aberto do teatro Ponte… No Foro, que estará aberto a todas as persoas relacionadas coas artes escénicas que queiran presentar os seus traballos artísticos para que sexan coñecidos e teñan oportunidade de ser trasladados a outros contextos favorecidos pola proximidade cultural e lingüística.

O xornalista e crítico teatral, Camilo Franco será o encargado de moderar este foro aberto no que van participar a directora brasileira Meran Vargens, o director galego Fran Núñez e o portugués Moncho Rodríguez, xunto a outros artistas de Brasil, Portugal, Francia e Galicia. O encontro comezará ás 11.00h no Centro Neural de Gondomar e tratará de reflexionar sobre as estruturas que é necesario promover para favorecer a escena; e tamén sobre o eterno debate entre o teatro profesional representado nesta edición por Fafe Cidade das Artes (Portugal); e o teatro alternativo que chegan da man da Rede Fora do Eixo, de Brasil.

Meran Vargens. Qualquer coisa a gente inventa
Ao remate do Foro Aberto, no bar Catro Camiños, Meran Vargens porá "en escena " Qualquer coisa a gente inventa. A peza é unha sesión de historias inventadas na hora a partir de estratexias da narrativa escénica, onde o público, se quixese, poderá interferir nas historias e nas propostas de escena. Cada día posúe un guión único aínda que varios xogos sexan repetidos en diferentes sesións. A atmosfera é de encontro, intimidade e cambio de experiencias de vida que habitan as nosas memorias, soños e noso rico universo imaxinario. A cita será ás 13.00 horas e a entrada é libre.

Espectáculo de rúa. ZÉ DO PITO O MATA 7
Esta 2ª edición pretende consolidar a Gondomar como referencia do teatro e estender as actividades do festival aos concellos da comarca do Val Miñor. Deste xeito, para promover a implicación dos concellos e outras agrupacións da comarca, Fafe Cidade Das Artes ofrecerá o espectáculo de rúa, ZÉ DO PITO O MATA 7, en Baiona ás 17.00 horas e en Gondomar, ás 19.30 horas.
A compañía portuguesa achéganos unha versión libre da lenda popular da Serpente de 7 cabezas de Fafe (conto recollido por Artur Coimbra). Este espectáculo pretende ser apenas un exercicio de linguaxe do teatro popular “Minhoto”. Unha lectura contemporánea dunha lenda tradicional.
Con este espectáculo, Fafe Cidade Das Artes promove a integración de alumnos das Oficinas de Interpretación Teatral, desafiándoos a participar nun espectáculo que percorrerá diferentes escenarios.

Grupo Toca de Teatro. AMNÉSIS. Uma busca intencional pela lembrança
Depois do grande éxito de público e crítica do espectáculo musical ATIRE A PRIMEIRA PEDRA, que recibiu 4 nominacións ao premio Braskem de Teatro incluíndo a categoría de Mellor Espectáculo do Ano, o Grupo Toca de Teatro presenta o seu novo traballo. Trátase da montaxe AMNÉSIS. Uma busca intencional pela lembrança (direção: Meran Vargens), que se representará no Auditorio Lois Tobío ás 22.30 horas. De xeitolúdico, metafórico e divertido, o espectáculo reúne innumerables historias de distintas vidas. En escena, os tres actores mergúllanse nunha serie de aventuras, celebracións e aprendizaxes dando vida a diversos personaxes que transitan por lugares históricos.

Espectáculo musical. JU
A música terá tamén neste festival unha proposta novidosa en Galicia, trátase da cantante JU que realizará unha intervención acompañada polo seu guitarrista, no Catro Camiños ás 00.00 horas. A entrada é libre.
JU naceu e vive en Fafe. Desde moi cedo demostrou o seu interese polas artes escénicas. Tiña 4 anos cando decidiu adicarse á música.
Comezou o seu camino como estudante de ballet clásico e seguiu ese camiño durante 15 anos. Na universidade optou polo teatro e as artes performativas.
Nunha viaxe de aprendizaxe, acabou por encontrar a João Nobre (fundador e baixista da banda "Da Weasel") e a João Monge (letrista de Rui Veloso, Ala dos Namorados, Camané, Rio Grande...) quenes tiñan un espectáculo no que ela acabou encaixando á perfección.

Entradas
Todos os espectáculos contan cun prezo único de entrada de 4€. Nas propostas infantís o prezo da entrada redúcese a 1€. Os interesados/as en asistir a varios espectáculos poderán facerse cun bono de 10€, que lles permitirá a entrada a todas as representacións do Festival.