Na súa última xornada o festival recibirá aos franceses Goudu Theatre e á compañía brasileira Por volta de Logo e Depois, coa aclamadísima peza “María sou eu” da arredor da ditadura en Brasil
A última xornada do Festival Internacional de Teatro Ponte… Na Escena comezará este domingo ás 12.00 horas cunha representación dirixida ao público infantil.
A compañía Goudu Theatre vai poñer en escena a montaxe Almanaque para uma Viagem, unha peza sobre a aceptación de un mesmo, e sobre o feito de sermos seres dinámicos que metamorfoseamos conforme as experiencias que vivimos, evolucionamos na viaxe que a vida impón, transformando os nosos obstáculos en novos prismas. A través dunha peza envolvente e plástica, mergullámonos na alma dun ser á procura de si mesmo.
Xa pola noite, ás 21.00 horas, a compañía Por volta de logo e Despois será a encargada despedir o festival coa obra María sou eu, que conta a historia de María, unha muller que tenta recuperar o seu nome e a súa historia, apagados pola ditadura militar brasileira. O espectáculo, que chega avalado por múltiples premios estatais e nacionais, é o resultado dunha pesquisa corporal e vocal baseada no Teatro Físico buscando unha linguaxe escénica que exprese todas as sensacións vividas e experimentadas para trasladarlle ao público a inquietante situación que vive a personaxe na procura do dereito de revelar a súa verdade.
As dúas representacións terán lugar no Auditorio Lois Tobío. Todos os espectáculos contan cun prezo único de entrada de 4€. Nas propostas infantís o prezo da entrada redúcese a 1€.
Exposición Onde foi Barriga Verde?
Mañá será o último día para poder gozar da exposición Onde foi Barriga Verde?, no Auditorio Lois Tobío.
A mostra pretende animar o/a visitante a reflexionar, a partir do esquecemento da figura de Barriga Verde en apenas 40 anos, sobre a perda do patrimonio inmaterial. A transmisión interxeracional, a perda de identidade e a importancia de manter referentes propios que se poden reelaborar e recrear son temas que complementan a propia historia de Barriga Verde e da familia Silvent.
A mostra retrotráenos ao comezo das investigacións actuais sobre Barriga Verde, salientando a escaseza de material existente sobre a figura e amosando o proceso de esquecemento da mesma. As conexións europeas do espectáculo e do personaxe, a situación actual deste legado ou o mundo das feiras e a súa evolución son temas que tamén se abordan nunha linguaxe sinxela e complementados con ilustracións, mapas e fotografías.
Ademais, o discurso expositivo pretende actuar o punto de partida no actual proceso de recuperación do personaxe. Con este fin, déixanse abertos moitos dos contidos e saliéntase a falta de información que existe en varios casos.
A exposición conta cunha guía didáctica que se pode descargar desde a web barrigaverde.eu, na que se propoñen actividades para diferentes idades. A linguaxe, a historia, a expresión artística ou os procesos de recuperación de memoria son algúns dos ámbitos que se propoñen. Desde a elaboración de títeres ata análises sobre as formas de lecer de diferentes xeracións, hai actividades para diferentes idades e intereses.