Sábado, 4 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura Fernando Casás: “O agora xa foi e denantes será”.

Fernando Casás: “O agora xa foi e denantes será”.

Correo-e Imprimir PDF
2013 1_10_14657s300x
2013 1_10_14658s300x
  • Anterior
  • 1 of 2
  • Seguinte

"O importante é o concepto" proclamaba o personaxe de Pazos na película Airbag de Juanma Bajo Ulloa (1997), e abofé que o é na exposición do Centro Galego de Arte contemporánea que hoxe transitamos, conceptualismo e vontade de insvestigación narrativa. Unha oportunidade para asimilar que a simple revelaciòn do artista pode conceder categoría estética a un obxecto; agardando, iso si, ao espectador que veña a completar a obra coa sua mirada.

 

A arte conceptual poderíamos dicer que nasceu e se desenvolveu no século pasado, dentro dun contexto de renovación das prácticas sociais, políticas e vitais; extendendo a súa influencia a principios dos setenta, e claro volta a ser ben acaída para os tempos que vivimos. Artistas tratando de por en valor a idea fronte ao resultado final, e expectadores interesados no proceso, en atinxir a tensión criativa dos artistas.

A exposición antolóxica de Fernando Casás (Gondomar-Pontevedra, 1946) "o agora xa foi e denantes será" achéganos máis de cuarenta anos da súa criación desenvolta entre o Brasil e Galicia.

Ampla colección comisariada por Miguel von Hafe Pérez, na que Casás deambula entre a recoleccion de obxectos da natureza e a trascendencia dos últimos anos, que da paso ao interese polo cosmos e á ubicación do individuo e á súa historia nesa desmedida espacio-temporal. A tradición das crebas, dos raqueiros, das bichicomas (beach coming), a mallente, a noda... é ben coñecida e practicada dende hai moito tempo en Galicia, sobre esa liña de contacto entre a sociedade e o océano que é a liña de maré. A traslación a arte foi practicada por numerosos artistas, eiquí un dos máis trascendentes seguidores foi Man, o alemán de Camelle ao que cantou Luisa Villalta como "indíxena da civilización". Podemos lembrar outros seguidores na península, artistas como Hans Haacke no mediterráneo nos primeiros anos setenta ou Antonio Pérez cos seus"objetos encontrados" nesoutra liña de costa onde os suburbios contactan coa natureza.

Afonda Casás nesta liña de traballo e xa no comezo da exposición podemos ver pezas apañadas na natureza: árbores, táboas, sementes... onde o artista apenas intervén máis aló da súa recolección, nunha presentación destes obxectos que inquire sobre a súa historia. O paso do tempo queda multiplicado cando sobre estes cadáveres, que son testemuña dunha vida pasada, aparecen as recurrentes pegadas de termitas terrestres ou doutros animáis mariños, barrenadores todos da madeira. A pegada sempre representa o paso do tempo e nos achega a propostas románticas, pero Casás tamé a impregna dun carácter político no que posiciona teses sobre o bater entre culturas e as consecuencias da explotación sobre o medio. Se ben se exclúe vehemente como ecoloxista, se cadra por mor dalgunha mala experiencia ou descoñecemento profundo do movemento co que evidentemente ten moitos puntos de conexión.

O soporte da madeira omnipresente, agora queimado polos obreiros da construcción agora depósito de sedimentos do rio, deixa paso ao poliester como ferramenta de prospección arqueolóxica na procura incluso do son atrapado nas paredes. De fibra de vidro tamén é unha das obras onde trascende a vontade de proxección política "1492 fragmentos de América", dos que se expoñen ao redor de 200, que son anacos desbotados doutras obras, numerados dende o 1, dun verde prístimo, ao 1492 que se amosa negro, nunha revisión á baixa da colonización do continente, nomeadamente do Brasil -no que se formou e residíu ate 1989-.

Non esquece a exposición tocar soportes máis fotográficos, cunha serie de vídeos sobre accións ínfimas sobre a natureza e unha colección de fotografías de patacas-asteroide que evoca a teoría dos fractais.

E o seu interese social muda, chegando a afirmar que o ser humano é o único animal que non lle interesa, tal como lle escoitaramos tamén ao fotógrafo nipón Hiroshi Sujimoto, mais no caso de Casás coa humildade de recoñecer e asumir a gran debilidade do individuo e da nosa especie.

Súpeto penetramos nunha sala, oscurecida cada certo tempo, na que presenta traballos con novos materiais, as pinturas flourescentes, e novos contidos nos que retorna á procura da identidade, afastando o seu interese -neste vaivén das reflexións- sobre o colectivo, quizá chegados os anos de pensar no que trascenderá no vasto do cosmos e retornando a identidade primixenia "o denantes será". Afonda nesta procura na inmensidade do universo, nun autorretrato "A minha idade" no que disgrega identidade en numerosas impresións, que comparte co visitante en partículas representadas por cartoliñas, e é así como podemos levar un anaco de Casás da exposición.

Para finalizar quero ficar cunha das ideas por el formuladas, para Fernando Casás a estética é "unha teoría das calidades do sentimento, ligada a actividades emocionais."

Emocionémonos pois!

Por GC Tendencias | | 10/01/2013

Texto e imaxes de Xacobe Meléndrez Fassbender (Decembro 2012)