Martes, 23 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura Sinxelas receitas para resistir a gravidade.

Sinxelas receitas para resistir a gravidade.

Correo-e Imprimir PDF
Cosmos-VIII

 

Non queda xa moito espazo para verdades canónicas. Sospeito que hai, aínda, moito infinito, na nosa ollada máis ou menos benevolente. Flaubert, pola boca da súa personaxe Bouvard, dicía que os argumentos da ciencia artéllanse cos datos aportados por unha mínima parte do todo, sen coincidir, posiblemente, co resto que aínda ignoramos, moito maior e aínda por descubrir. Desa indiscutible premisa, Flaubert derivaba, loxicamente, que a verdade de hoxe é o erro de mañá, que todo é incerto e variable, contendo, en proporcións descoñecidas, tanta verdade como falsidade. De ai que, fronte ese baleiro existencial que vai da man dun coñecemento contemporáneo sempre precario, opoñamos esa feble e insegura ollada que ven a ser o fundamento da razón individual e autónoma. Se cadra, o sensentido xeral ven a ser a suma dos sentidos particulares e non a súa ausencia.  Aínda así, neste tempo saturado de redundantes obxectos, de esquivos xogos de espellos, de presuntas funcións e necesidades, de obsolescencias impostadas, de chambonadas máis ou menos ocorrentes e gratuítas, non deberíamos esquecer aquel esprit de finesse que Pascal prefería ao frío esprit de géométrie, ríxida e mecánica inercia que, desprazando todo interese polos fins, concéntrase única e exclusivamente nos medios.

Na ampla retrospectiva que o CGAC compostelán dedícalle ao noso veciño e amigo, o artista Fernando Casás (Gondomar, 1946), recoñecemos ese espírito sutil que procura sentido e coñecemento sen un enfrontamento directo. A realidade é un adversario irreal, poliédrico, as veces imaxinario. É, como dicía Deleuze, os fortes non son os que enchen un ou outro campo, senón que o potente é a fronteira, esa liña, esa brecha onde sempre ocorren as cousas. Como naqueles deportes, surf ou parapente, que utilizan no seu movemento enerxías alleas ao deportista, trátase de deixarse levar, de esvarar riba dunha onda ou dun pensamento, de procurar unha empatía desde o mesmo interior da materia, de recoñecer e estudar a corrente que te arrastra, de adiviñar o seu obrar. Esa é a razón pola que, na obra de Casás, non atopamos trazos de angustia, catarse ou desasosego. Tampouco esteticismos arbitrarios e compracentes. Como unha fermosa plumaxe de paxaro que, na época do celo, non é un ornato ostentoso, senón unha función do corpo, no CGAC só atopamos a testemuña, directa, funcional, dun devezo vital, dunha longa e particular relación co mundo, dunha coherente e flexible rebeldía que afonda na milagre da existencia.

Nun parágrafo da conversa que o artista mantén co poeta Pepe Caccamo, recollida no catálogo de exposición, Casás di facer a obra coa ollada. Unha ollada, froito, sospeito, dese choque da nenez, do seu Gondomar natal, amable, sen grandes contrastes, coa exuberancia tropical. Unha ollada que descubre, nas formas da natureza, do mundo, obras altamente sofisticadas, feitas cunha precisión extrema. A arte é paixón, paixón do espírito, pulida, intensa, austera. Prolongando aquela vella idea de Leonardo que, hai cincocentos anos, definía, no seu Tratado de Pintura, á arte como cousa mental, Fernando Casás traduce esa ollada nun acontecemento singular que detén o tempo e configura unha presenza. Un xesto que, engarzado nesa tradición conceptual que privilexia o intelecto sobre o esforzo físico, insiste na necesidade dunha acción ética susceptible de orixinar goce, beleza, evolución e coñecemento co mínimo gasto de enerxía.

Non é doado acadar a sinxeleza. A procura dese pequeno xesto significativo. Esa redución a unha mínima expresión, contundente, esencial. Ese esforzado paradoxo do moito dicir cos mais delicados e lixeiros vimbios. O xesto de Casás é un exercicio de consciente racionalidade. Esixe mirar e pensar con autonomía, afiar a curiosidade e a observación, artellar técnicas de escolma, de apropiación, recompilación e asociación, eliminar todo decorado innecesario, indagar nesa enerxía, agochada e ilimitada, que percorre toda forma, obxecto ou material, xa sexa feito, ou non, polo home. Natureza e cultura son dous nomes distintos, intercambiables, para unha mesma entidade. Quen posúe o ritmo, posúe o Universo. Esa é a razón pola que a arte é xemelga da vida, a súa única metafísica válida. Sempre actuando cara o máis difícil: a expresión sinxela. Nietzsche afirmaba que o máis grande do home é ser ponte, tránsito. Si. Trátase de transmitir enerxía pura, sen perder forza en accións digresivas ou decorativas.

Noutro fragmento da devandita conversa, Casás define a súa obra como o froito dun desdeseño. Na orixe desa deconstrución procesual, metódica, atenta ás mínimas manifestacións vitais, Casás salienta a influenza dos seus estudos de deseño industrial, alá no Brasil. Desdeseñar, deseñar para atrás, na procura dese espazo intuído, primixenio, platónico quizais, onde volver a pensar as cousas do mundo, as súas formas, os seus obxectos, os seus moradores, as súas lóxicas internas, os seus ciclos e azares, a súa entropía esencial. Retroceder para adiantar. Casás comparte co home primitivo a procura dunha familia de formas e procesos básicos. Recuperar a ollada primeira, inocente, se cadra infantil, supón achegarse a un potencial humano primario, un modelo esencial desde o que perfilar a natureza dos medos e patoloxías contemporáneas. Hai moito de místico, de xamán sanador, de alquimista na procura da pedra filosofal, nese xeito de abordar, concisa, economicamente, a materia. Vémolo nese gabinete de coleccionista, saborosa chiscadela ao Romanticismo alemán, ou mesmo, na exquisita instalación, debedora, gústame pensar, de Caspar David Friedrich, no Espazo Dobre, oco complexo onde tantos bos artistas tropezaron. Hai moita resistencia á gravidade nese apremante desexo de superar, pola soa forza dun mínimo xesto, a nosa condición corpórea. Mover e cambiar o mundo cunha pequena panca. Converter en rudo e humilde ouro a inmensa riqueza que nos arrodea. Elevarse paseniño ata a transparencia desde a opacidade. Unha e outra vez, a verdadeira forma xurde de quitar, non de engadir.

Nesa sutil resistencia á gravidade, nese caneo ás leis fundamentais da inercia, Fernando Casás desenvolve formas, procesos e reflexións cara ao uso e goce dunha existencia produtiva, digna e respectuosa. A curiosidade, a imaxinación, a invención e o xogo, o método investigador e creativo por excelencia, supoñen unha enerxía sostible, argalleira, ilimitada e non contaminante. Un xeito de afondar naquel vello e esquecido humanismo clásico que, rexeitando inercias contaminadas e chantaxes compracentes, suxería traballar para vivir. Unha fermosa manifestación de adianto, de intelixente evolución, que non deberíamos desprezar.

O agora xa foi e o denantes será / Fernando Casás  / CGAC. Santiago de Compostela. Do 26 de outubro de 2012 ao 10 de febreiro de 2013.