Mércores, 20 Oct. 2021

Actualizado04:28:43 PM GMT

Estás en Gondomar O BNG pon o novo PXOM de Gondomar a un clic e De Lis advirte da súa “alegalidade”.

O BNG pon o novo PXOM de Gondomar a un clic e De Lis advirte da súa “alegalidade”.

Correo-e Imprimir PDF
O novo PXOM de Gondomar a un clic no blog do BNG local.

O BNG Gondomar xa colgou os planos do novo PXOM do devandito concello no seu blog. O conxunto de mapas contén a información urbanística provenente dun soporte informático que segundo os nacionalistas o concelleiro de Urbanismo Alfonso De Lis, o presidente local do PP, Eladio Bargiela e mais o concelleiro independente Manuel Núñez Sestelo, estaban a repartir entre “amigos do goberno” como información privilexiada, feito desmentido rotundamente polos acusados. Pola súa banda, o concelleiro de Urbanismo Alfonso De Lis afirmou que os documentos do novo PXOM de Gondomar publicados polo BNG no seu blog non son os que ten na actualidade a estudo os servizos xurídicos da Xunta de Galicia. O edil non adscrito advertiu que a divulgación pública dos documentos é polo menos un feito “alegal” pois trátase de información de carácter reservada.

A publicación da documentación relativa ao proxecto do novo PXOM de Gondomar foi anunciada polo Bloque o pasado venres. Os nacionalistas denunciaron a constatación dunha serie de empresas, e persoas vinculadas ao goberno con intereses no sector urbanístico da bisbarra que manexaban información privilexiada en relación co resto da poboación. Esa información estaría contida nunhos soportes informáticos que as cabezas dos tres partidos que integran o actual goberno de Gondomar, repartían entre contactos de cadan seu partido. O BNG interpretou esta maniobra como un feito similar aos sucesos previos á revelación da trama urbanística que estalou en Gondomar en 2007 e que foran denunciados daquela por Antón Araúxo meses antes. Baixo o lema “Por un urbanismo participativo e transparente”, os nacionalistas están a facer unha distribución masiva da información do novo PXOM en trámite, a través da entrega de copias as asociacións veciñais e da sociedade civil da bisbarra e mais a súa publicación en Internet.

Pola súa banda, o concelleiro de Urbanismo, Alfonso de Lis, acusou aos nacionalistas de facer algo polo menos “alegal”, pois trátase de divulgación dunha documentación reservada. De Lis aclarou que esa redacción do PXOM “colgada” polo BNG, non se corresponde coa que actualmente ten en estudo os servizos xurídicos da Xunta de Galicia. A redacción do novo PXOM cos respectivos informes dos técnicos municipais foron presentados o pasado 2 de febreiro á Dirección de Urbanismo da Xunta, aclarou De Lis. Unha vez revisada a documentación, a administración autonómica requiriou a subsanación dalgúns aspectos técnicos do Plan, agregou. A documentación definitiva entregada o pasado martes 15 de febreiro contén modificacións de planimetría e documentos técnicos que cambian o informe contido na copia divulgada polos nacionalistas, informou De Lis.