Xoves, 18 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar De Lis aposta a un PXOM Express entre os desaires do alcalde e as filtracións de FrikiLis.

De Lis aposta a un PXOM Express entre os desaires do alcalde e as filtracións de FrikiLis.

Correo-e Imprimir PDF
Concello Gondomar

En materia de apostas todo é subxectivo. E se o obxecto da quiniela son os prazos do PXOM de Gondomar, todos os prognósticos teñen cabida. Para Alfonso de Lis, concelleiro de Urbanismo e Tenente de Alcalde, a promesa que asumiu ao tomar o goberno está cada vez máis preto e ten plena certeza de que Gondomar terá o seu Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) nesta lexislatura. Así o manifestou onte pola noite, logo de entregar ao Arquitecto Municipal e á Secretaria Xeral a redacción urbanística que a empresa Eptisa ingresou o mércores pasado ao Concello.

Os informes dos técnicos municipais deberán comprobar a conformidade do plan coa lexislación vixente e a calidade técnica da ordenación proxectada. Estes son de carácter vinculante e os funcionarios terán dez días para emitilos. Segundo o programado pola concellería , nas primeiras semanas de 2011 o documento estaría xa na Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio da Xunta.

A Xunta ten tres meses para emitir o seu informe e de facelo sobre o final do prazo o pleno de aprobación inicial do PXOM tería que fixarse a fins de marzo ou principios de abril. Ademais cabe a posibilidade de que o organismo autonómico solicite novas correccións ou modificacións que dilataría aínda máis a decisión. Unha vez realizado o pleno de aprobación inicial do PXOM ábrese un período de alegacións de dous meses para finalmente chegar a unha instancia de aprobación definitiva.

Eptisa entregou a redacción do PXOM con máis de dous meses de atraso (segundo o calendario previsto) porque houbo que incluír o plan sectorial do polígono A Pasaxe, o reaxuste dos núcleos rurais de 1993 recentemente aprobados, e a nova rede de saneamento produto do proxecto do Plan E 2010, segundo declarou De Lis. O concelleiro afirmou que ese traballo foi positivo pois fortaleceu a certeza xurídica que ao seu entender brinda este PXOM.

De aprobarse este proxecto urbanístico entrará en vixencia un modelo que prevé unha capacidade de acollida residencial de 1500 vivendas para a zona urbana de Gondomar e mais 2300 distribuídas nas dez parroquias ata o ano 2023. Este modelo baséase nunha estimación de crecemento poboacional de entre 4000 e 6000 novos habitantes da vila condal para o mesmo período. O proxecto tamén prevé 251.000 m2 de espazos libres dos cales 58.000 m² serán de zonas verdes de nova creación.

O PXOM Express

Este calendario obriga a pisar o acelerador na Concellería de Urbanismo se non se quere dar por non cumprida a principal promesa que sustentou a moción de censura de 2009 e que sentou a Martín Urgal na cadeira da alcaldía, logo de desaloxar ao nacionalista Antón Araúxo. De Lis non a ten doada, son moitos os resortes e as pezas que deberá mover e controlar para que todo chegue a tempo. Mais o concelleiro non ten dúbidas, di contar coas promesas e contactos necesarios para sacar adiante a viaxe.

A primeira partida xógase na casa.

A primeira partida xógase no propio municipio e o seu resultado depende do que digan os informes técnicos. Ingresar un expediente das dimensións dun PXOM ás portas de Nadal, cun enfrontamento público e directo entre De Lis e a Secretaria do Concello, abre unha primeira incerteza que terá luz co ano novo.

A segunda etapa está en Santiago.

Unha vez obtidos os informes técnicos, a Secretaría Xeral de Territorio da Xunta deberá resolver o contido da redacción. Isto involucra a diversas direccións como Patrimonio, Medio Ambiente, Plan litoral, etc. Se De Lis conta con sacar a aprobación definitiva antes do 22 de maio de 2011, deberá conseguir que todo se resolva e aprobe en tempo record e de forma favorable: máximo 30 días e no posible só con correccións de ortografía. Como di a veciña, tea mariñeira!

A terceira no Luis Tobío.

Se as portas do auditorio se abren a finais de febreiro para recibir ao pleno municipal que dará aprobación inicial do PXOM, o tripartito deberá bendicir o seu concelleiro (que a esa altura estará rexistrado no libro das marcas mundiais en materia de urbanismo) votando afirmativamente o documento. Suponse que o “12 a 5” se manterá e este será un trámite dunha mañá. Unha mañá en que seguramente boa parte dos gondomareños pedirá asueto laboral para presenciar o acto.

A cuarta ten un ás na manga.

Marzo e abril serían os meses para realizar alegacións. Alegacións que calquera vidente que pase máis de dez minutos na vila condal poderá predicir sen temor a equivocarse que “choverán” como Galicia en inverno. Novamente a capacidade de xestión de Alfonso De Lis deberá funcionar ao límite para dar contestación ás alegacións e incluír as que correspondan á redacción do PXOM. Urbanismo podía ter un ás debaixo da manga: o período de alegacións pode reducirse a un mes.

O día da gloria eterna.

De cumprirse este calendario Galicia rexistraría en tempo record a elaboración dun PXOM redactado nun dos períodos de maior variación en lexislación urbanística e en plena campaña electoral: todo un record. Fines de abril o principio de maio tería lugar o derradeiro pleno para dar a aprobación provisional que permitirá a Xunta de Galicia dar a final.

Quen acompañará a De Lis na viaxe?

Como os participantes do espectáculo televisivo Pekín Express, De Lis deberá contar con algún compañeiro de viaxe que poida axudalo nesta tarefa de sortear mil e un obstáculos. Dende o PP non parecen chegar voluntarios. Hai unha semana o Presidente local Eladio Bargiela afirmaba que os núcleos de 1993 que sostén a proposta do PXOM non son os que necesita Gondomar. Por outra banda o propio Alcalde Martín Urgal afirmaba onte ao xornal Faro de Vigo que a aprobación definitiva do PXOM antes das eleccións de 2011 está descartada.

Sen o apoio decidido dos populares o ambiente político de Gondomar volve dirixir os seus ollos cara á figura do avogado Martínez Torea, asesor e home de confianza do concelleiro Alfonso De Lis. De feito dende o ciberespacio o blog FrikiLis (nacionalismo de esquerdas) que naceu como páxina contestataria da web persoal de De Lis www.porquenomecallo.com, vaticina a ruptura do pacto De Lis - PP e a aparición para o próximo mes de xaneiro do Partido Socialista Renovador (PSR). O PSR está inscrito no Ministerio do Interior por Martínez Torea e podería ser a estrutura que albergue a De Lis e o seu equipo de cara ás próximas eleccións municipais.

De Lis non cre en FrikiLis. O PP non cre en De Lis.

Non obstante de Lis foi tallante ao ser consultado sobre esa posibilidade: "pode dicilo claramente: Alfonso de Lis non vai encabezar ningunha lista dun grupo político chamado Partido Socialista Radical". O concelleiro non quixo adiantar o seu futuro político do que tamén descartou días atrás ao Partido Popular. Si aproveitou a ocasión para axitar as augas da batalla política na rede, pois aconsellou non dar crédito ás informacións de FrikiLis "unha páxina que mente dende o seu contador de visitas, pois agrega un cómputo con cada ingreso á páxina, aínda que proveñan dende unha mesma terminal, mentres que na miña web o contador rexistra só un ingreso por ordenador, aínda que dende este se fagan varios ingresos ao día".

Dende a moción de censura De Lis asumiu o reto urbanístico como algo persoal. Foi o único dos membros do goberno que defendeu a viabilidade da promesa urbanística en todo tempo e lugar. A pesar de ser o piar que sustentou publicamente a conxura contra Antón Araúxo, o resto dos concelleiros do tripartito non só non amosan as mesmas conviccións, senón que polo contraria o propio alcalde acábaas de botar por terra. Mentres se empezan a vestir a mesas familiares para Nadal, e os partidos políticos preparan a futura campaña electoral, en Urbanismo avecíñase unha loita que algún nomean como utópica o quixotesca. O certo é que De Lis está aí, agochado nas súas conviccións e seguramente teña claro que paradoxalmente os principais obstáculos a vencer non serán os que lle formule a oposición.