Martes, 28 Sep. 2021

Actualizado04:28:43 PM GMT

Estás en Gondomar ANOVA denuncia a parálise do PXOM de #Gondomar por falla de recursos para pagar ao equipo redactor.

ANOVA denuncia a parálise do PXOM de #Gondomar por falla de recursos para pagar ao equipo redactor.

Correo-e Imprimir PDF
gondo-centro

-Os nacionalistas afirman ter información que acredita que o actual goberno municipal perdeu parte da subvención concedida pola Xunta de Galicia no ano 2008, e que en consecuencia fallan recursos económicos para pagar os traballos á empresa redactora do PXOM.

-Por outra banda, ANOVA acusa ao responsable de Urbanismo municipal por “vender fume”, ao anunciar a concesión de 100 licenzas no 2013, cando só 7 responden a vivendas de nova construcións e o resto son “obras menores dunha tramitación practicamente administrativa e con escasa repercusión económica para o Concello”.

En 2008 o goberno nacionalista conseguiu o 100% do financiamento.

O portavoz de ANOVA, Antonio Araújo sinalou que mentres “os concellos da contorna do Val Miñor van sacando para diante” os seus respectivos PXOM “en Gondomar seguimos agardando por un PXOM que puxera en marcha o goberno nacionalista no ano 2008 cunha subvención da Xunta do 100%  para a súa redacción, e cuxa tramitación fora boicoteada pola oposición do PP-CDL e tránsfugas, hoxe no goberno”

O cronograma prevía ter o PXOM en 2010.

Advirte que segundo o cronograma que acompañaba á devandita subvención de 224.365€, tiña que estar aprobado definitivamente no ano 2010. “Pois ben, a día de hoxe nada sabemos do PXOM de Gondomar malia a ser unha das principais promesas do actual goberno municipal -falta un ano para rematar o mandato-, e por non dar nin contestan ás preguntas que ao respecto lle facemos no Pleno.” Por iso, non dubida en afirmar que “O PXOM de Gondomar é un misterio”.

Segundo ANOVA a “parálise” do PXOM ten motivos económicos

O Grupo Nacionalista Municipal afirma ter  informacións no sentido de  que un dos motivos desta “parálise” é a económica “pola perda de parte da subvención concedida no ano 2008, e en consecuencia pola falla de recursos para pagar os traballos á empresa redactora do PXOM”.

Venta de “fume” coa concesión de licenzas en Gondomar

Os nacionalistas opinan que a “incapacidade e ineficacia” do goberno municipal se fai patente no tema urbanístico. Ironizan que dende o bipartito (PP-CDL) non teñen pudor en facer público a “brillante” xestión do concelleiro de urbanismo “con dedicación exclusiva”, Carlos Lameiro, segundo a cal no ano 2013 a Concello de Gondomar concedeu 100 licenzas de obra.

Tras comprobar as actas da Xunta de Goberno,  os nacionalistas denuncian que en realidade foron 95 licenzas as concedidas no ano 2013. Das cales só foron 7 de vivendas de nova construción, 3 de rehabilitación, 4 para muros de contención, 7 de primeira ocupación, 9 para cambio de tella, 3 para movemento de terras, 7 para revestimento de fachadas, e o resto para cousas “tan pintorescas coma a construción de barbacoas, colocación de portais e dunha cancela, parcelación de fincas,  ou incluso para a instalar un pastor eléctrico”. Segundo os denunciantes,  obras menores dunha tramitación practicamente administrativa e con escasa repercusión económica para o Concello.

ANOVA pídelle “explicacións claras” ao goberno muncipal.

Por iso o grupo nacionalista esíxelle ao Goberno Municipal  “explicacións claras” do por que “se está ocultando á oposición e á cidadanía en xeral, o estado no que se encontra a tramitación do novo PXOM de Gondomar, e asemade,  que deixen mentir ou de vender fume no que se refire ás licenzas de obra concedidas para ocultar a súa evidente incapacidade e ineficacia para gobernar Gondomar”.