Venres, 19 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar Informe de EU prevé unha parálise urbanística en Gondomar de aprobarse o PXOM sen modificacións.

Informe de EU prevé unha parálise urbanística en Gondomar de aprobarse o PXOM sen modificacións.

Correo-e Imprimir PDF
gondo-centro

“Sería un grave erro por parte do goberno municipal” a aprobación inicial do PXOM nas condicións actuais, afirma Josué Villar, portavoz de Esquerda Unida Gondomar. Tras un estudo feito da actual redacción advirte que “os cálculos de poboación e vivenda, a arbitraria delimitación dos núcleos rurais, e os contraditorios informes da Xunta de Galicia” fan deste Plan Xeral “unha bomba de reloxería que tarde ou cedo vai estoupar”, con graves prexuízos para os cidadáns.

Aprobar o PXOM con as graves deficiencias detectadas pode retrasarllo ata 6 anos máis.

Segundo o estudo feito pola agrupación de levarse para aprobación inicial nas actuais condicións, como aseguran é a intención do alcalde Fernando Guitián, as graves deficiencias xeran o risco de que o plan se retrase 6 anos máis.

De aprobarse inicialmente o plan, habería que paralizar o outorgamento de licencias no municipio (art. 77 LOUGA) por un período de dous anos. Neste transcurso o Concello debería ter o plan aprobado definitivamente, cousa que” é improbable que ocorra neste caso froito das obvias deficiencias”, salienta. Engaden que como é moi improbable que o plan se aprobe de aquí a dous anos, unha vez aprobado inicialmente, o que podería ocorrer é que pasados os dous anos dende a  paralización de licencias(froito da aprobación inicial), a Xunta emita un informe desfavorable nalgún dos informes sectoriais, ou mande rectificar substancialmente partes do plan, como determinados núcleos rurais, erros na titularidade de varias infraestruturas,  e demais.

Tras isto, deberíase sacar novamente a exposición pública o plan, polo que habería que esperar outros dous anos posteriores a aprobación inicial, en total “outros catro anos máis” advirte o informe.

Os impedimentos legais xogarían en contra da aprobación do PXOM.

 Segundo explica o documento de EU, a LOUGA no art. 77 fai fincapé que “non se pode repetir dous procesos iguais” como é a exposición pública do documento nun período de catro anos. De aprobarse agora inicialmente o Plan Xeral habería que sacar o mesmo a exposición pública, “polo que si a Xunta informa desfavorablemente nun futuro próximo e hai que facer modificacións substanciais no Plan, e polo tanto volver a expoñelo publicamente, “isto non sería posible. Habería que esperar 4 anos máis para expoñelo unha segunda volta”, explican.

EU-Gondomar insiste que unha aprobación inicial cun PXOM con graves erros seguiría “alargando este sensentido urbanístico no noso municipio, que non favorece a ninguén”. Afirman que estase ante un plan que só favorece a especulación

Por iso, o informe conclúe  que é “indispensable modificar o documento antes da aprobación inicial, ou as consecuencias futuras polo antes exposto serían nefastas. Segundo a nosa visión, o concello debería abrir unha fase de suxestións previa a aprobación inicial, para que o concello, xunto a veciños, asociación, e demais actores políticos do municipio poidan solucionar as eivas deste deficientísimo Plan Xeral”.

Agregan que o Plan xeral require dunha labor de campo e unha xestión da información urbanística “da que ate o de agora non gozou, e se o goberno non muda a súa actitude irresponsable para os seus veciños, todos, imos pagar moi caro esta imprudencia”.