Mércores, 20 Oct. 2021

Actualizado04:28:43 PM GMT

Estás en Gondomar EU-Gondomar denunciará os “escurantismos” que rodean o PXOM nunha mesa-debate no CDL.

EU-Gondomar denunciará os “escurantismos” que rodean o PXOM nunha mesa-debate no CDL.

Correo-e Imprimir PDF
VISTA AREA DE GONDOMAR

-Venres 21 de febreiro ás 20 horas no Centro Neural de Gondomar, informe e debate sobre o urbanismo en Gondomar “O PXOM de Gondomar. A ferramenta da especulación”, a cargo do coordinador local de EU, Josué Villar e a responsable de urbanismo da agrupación, a estudante de arquitectura Jimena Varela.

EU denuncia a falla de información e participación no proceso de redacción.

A necesidade desta instancia informativa e do debate sobre o actual proceso de xestación do PXOM de Gondomar, está baseada no “escurantismo”, que segundo EU rodea “o proceso de redacción e os propios documentos”, do plan.  A agrupación denuncia que o Concello de Gondomar negoulles información sobre a documentación en trámite, por non ter EU representación no pleno da corporación. Feito que os afectados tachan de ilegal porque a norma establece que “calquera persoa debe ter acceso aos instrumentos de ordenación urbana, sexa cal sexa a súa fase de tramitación”.

Un PXOM “pensado para aumentar ingresos municipais” e “beneficiar” axentes involucrados

Segundo EU, a Lei 9/2002 de Ordenación Urbanística, “en ningún caso especifica” que se manteña en segredo  a documentación ata a súa aprobación inicial. “É una elección política”, acusan desde a agrupación. Por outra banda, sinalan que as respostas ás preguntas da oposición respecto a este tema nos plenos “son sempre ambiguas e pouco claras”.

Segundo o informe que EU presentará nunha mesa informativa e de debate este venres no CDL; o futuro PXOM “non ten máis aspiracións que resucitar ao cadáver da burbulla inmobiliaria, cunhas proxeccións demográficas surrealistas e unha análise do parque inmobiliario actual superficial e pouco preciso. Un documento pensado exclusivamente para aumentar os ingresos municipais por taxas e os beneficios dos axentes involucrados no proceso urbanizador”.

Gondomar: un concello “cunha lamentable historia de corrupción urbanística”.

Para EU “Dada a lamentable historia de corrupción urbanística que temos no noso Concello, resulta obvio pensar nos beneficios que tería reportado para a imaxe do goberno local que se tivese aberto este proceso a todo aquel que quixese participar”.  O feito de que “nin sequera se plantexe por interese electoral, dá que pensar nos intereses ocultos (ou non tan ocultos) detrás da aura de secretismo que rodea á redacción do PXOM”, sinalan.

Toda esta crítica “é trasladable  tamén ás polémicas obras públicas que o Concello ten previstas” afirman. Entre elas, sinalan a continuación das obras do “tanque de tormentas” ou o muro de contención para evitar o asolagamento do Centro de Desenvolvemento Local.