Venres, 19 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar Gondomar: un Concello Express.

Gondomar: un Concello Express.

Correo-e Imprimir PDF
O Auditorio Lois Tobío foi escenario da obra máis breve da súa historia: un pleno de 12 minutos.

Doce minutos e dez segundos dedicaron os dezasete concelleiros de Gondomar en resolver un pleno ordinario que se realizaba: dúas semanas despois da grave denuncia de uso de información urbanística reservada, da posible irregularidade urbanística do candidato Fernando Guitián, na parroquia de Peitieiros, e da posible inhabilitación de centos de cidadáns para votar polo atraso da súa inscrición no rexistro de empadroamento. De feito, ningún destes temas que acapararon a axenda política destes primeiros meses do 2011 foron mencionados no transcurso da sesión. O tema ao que máis tempo lle dedicaron os edís foi á desafectación de material informático inútil (3 minutos con 3 segundos) e porque o BNG preguntou pola situación da empresa encargada de facer o inventario. O único acordo que deixou para os veciños de Gondomar este pleno foi a constitución da mesa local de comercio, obrigada pola nova lei que regula o sector.

Un minuto e trinta e sete segundos tardaron en acomodar as cadeiras e aprobar a acta da sesión anterior. A celeridade é unha constante nos plenos dirixidos polo goberno tripartito gondomareño. Como de aforrar se trata, o alcalde comezou a sesión sen dar os bos días aos veciños que se erguen cedo para estar ás 9 da mañá no Auditorio Lois Tobío. O "choio" da lectura da acta non se fai pois o concelleiros, é un supoñer, lena antes da sesión e fan directamente as súas observacións. Hoxe, os nacionalistas esixiron trocar o nome de Araúxo polo de BNG nunha oración onde se adiantaba que este grupo municipal non ía votar unha moción proposta polo tripartito e mais un erro ortográfico "porque nunca se sabe".

Sen respirar moito, os dous minutos con cincuenta e tres segundos seguintes levoullos o acordo para propoñer aos membros do pleno que participarán na mesa local de comercio. O portavoz do goberno foi o 1º Tenente de Alcalde Alfonso De Lis quen se limitou a nomear aos concelleiros e funcionarios polos seus cargos e a súa responsabilidade na mesa sectorial. Punto pelota: doce a favor (o tripartito completo) e cinco abstencións (o grupo municipal nacionalista).

Pasaran catro minutos e medio dende que Martín Urgal dera por iniciada a sesión, e xa entraban no terceiro punto da orde do día: dar de baixa do inventario municipal os ben informáticos en desuso. A empresa encargada do informe foi NETCOM Servicios Informáticos de Gondomar. O BNG preguntou pola situación desta empresa que xa fixera traballos para o concello e "coa que houbo algún incidente", segundo manifestou na sesión o concelleiro Pauliño del Río. O edil interesouse pola relación desta empresa co municipio e adiantou a abstención dos nacionalistas. Sen dar explicación algunha pasouse a votar e aprobouse a moción segundo a que se retiran os materiais catalogados como inservibles do rexistro de bens do concello: 12 votos afirmativos (tripartito) e 5 abstencións (BNG). Total tres minutos trinta e tres segundos empregados para o debate e resolución da moción.

Sete minutos e medio de pleno deixaban paso á fiscalización de control do goberno. Resolucións que só se len pola data do acordo. Logo, as mocións presentadas pola oposición, neste caso as do BNG único grupo opositor con representación no pleno municipal de Gondomar. Trinta e nove segundos levou este punto da orde do día, de feito a fiscalización das resolucións do goberno foi un trámite e a oposición non levou proposta algunha.

Ían oito minutos e doce segundos de pleno cando Martín Urgal deu paso ás preguntas e rogos dos concelleiros. Os concelleiros do BNG reclamaron pola reiterada falla de resposta ás preguntas feitas nos plenos anterior. Presentaron o seu mal estar por non convocar o Consello Municipal da Muller antes do 8 de marzo (Día da muller traballadora), interesáronse pola situación do GRUMIR do Val Miñor, pola reparación dun semáforo na parroquia de Vincios, denunciaron unha beirarrúa cos lastros soltos en Gondomar e solicitaron un informe, para o próximo pleno, sobre as débedas cos provedores que manteña ata esa fecha a administración municipal.

Os reloxos non marcaban as 9:15 horas cando os concelleiros deixaban o auditorio. Quedaban fora do debate institucional os temas que habían marcado os primeiro dous meses do novo ano. Nin se pediu contas polas filtracións e supostas achegas ilegais das copias reservadas do PXOM, nin preguntouse polos 400 empadroados que non tiñan certeza da súa inclusión nas listas finais dirixidas ao INE, nin tantos dos outros temas que foron tratados nos medios de prensa ao longo destes días. A un custe de 500 euros o minuto de sesión (os plenos ten un presuposto aproximado de 6000 euros), se deixaba un record difícil de igualar na vida política da bisbarra.