Venres, 26 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar As denuncias urbanísticas irrompen novamente en Gondomar.

As denuncias urbanísticas irrompen novamente en Gondomar.

Correo-e Imprimir PDF
Anton Arauxo amosa un dos sopostos discos coas copias

Unha primeira redacción do novo PXOM de Gondomar estaría circulando a través de discos e fotocopias de planos entre "amigos do goberno", denunciou este medio día o grupo municipal do Bloque. Segundo os nacionalistas o manexo de información "privilexiada" garda certa similitude cos feitos denunciados en 2006 e remataran cunha ameaza criminal a Antonio Araúxo, cousa que nunca sucedeu pois "o 14 de febreiro de 2007, eran detidos o concelleiro de urbanismo, o de cultura, etc polo cobro de comisións para modificar ou incluír urbanizacións no devandito PXOM". A denuncia sinala como "repartidores" da información ao concelleiro de Urbanismo, Alfonso De Lis (non adscrito), ao secretario persoal do alcalde e presidente do PP-G, Eladio Balgiela e mais ao concelleiro independente Manuel Núñez Sestelo. Pola súa banda, os denunciados rexeitaron enerxicamente as acusacións do Bloque ás que definiron como unha campaña gratuíta de desprestixio dirixida as súas persoas.

"Volven ás andadas", así titulaban o repartido de prensa que foi presentado polo portavoz municipal Pauliño del Río, o candidato a alcalde Antón Araúxo e mais Pepe Valverde, presidente local do Bloque. No mesmo afírmase que "Unha vez máis a sombra da sospeita cae sobre o urbanismo en Gondomar, algo perfectamente evitable se dende o principio da súa tramitación a redacción se abrise á participación veciñal". Os nacionalistas acusan a ausencia dunha exposición dun avance á veciñanza, ou o feito de expulsar ao BNG da mesma mesa de contratación do equipo redactor. "O mellor antídoto contra a corrupción urbanística é abrir á veciñanza este tipo de actuacións públicas dende o principio coa máxima información posible", afirman.

En presenza da prensa, Araúxo amosou un disco que segundo informou, chegou a mans do BNG dunha fonte que permite sospeitar a presenza de copias en poder de empresas e particulares vinculados ao sector urbanístico. "Para o BNG estamos diante un escándalo urbanístico de dimensións aínda descoñecidas" afirmou.

O BNG dixo que vai contrarrestar esta información "privilexiada" coa posta a disposición da mesma a tódala cidadanía. A devandita copia do PXOM estará dispoñible na web do BNG Gondomar, e se entregarán copias ás Comunidades de Montes, Asociacións de Veciños, Centros Culturais, Movementos Ecoloxistas e a que o solicite. Tamén estará a dispor dos cidadáns o local do BNG para informarse , agregaron.

"Xoder, en política non todo vale!"

O concelleiro de urbanismo de Gondomar Alfonso De Lis asegurou que o 15 de decembro o equipo redactor entregou tres copias da redacción do PXOM en papel con os seus respectivos cedes. Os mesmos foron entregados ao arquitecto municipal, outro a Secretaria e unha copia quedou na Concellería de Urbanismo. Cada técnico fixo o seu informe e agora a técnica de administración xeral é a custodia deses expedientes, afirmou.

O concelleiro mostrouse contrariado coa acusación, a ante a consulta de si había entregado ou repartido copias do PXOM pola súa conta o concelleiro respondeu "Xoder, en política non todo vale!". De Lis afirmou que non ten ningún tipo de interese persoal de corte urbanístico e remitiuse ao informe do arquitecto municipal onde di que o PXOM caracterízase por non ser "nada especulativo".

Pola súa banda, o concelleiro Manuel Núñez Sestelo ao igual que Eladio Bargiela, afirmaron non ter copia do PXOM. Núñez afirmou que a única vez que tivo contacto cos documentos foi na súa presentación na Xunta, en Santiago. Bargiela afirmou que o PP non tivo acceso ás copias en ningún dos soportes. O secretario persoal do alcalde manifestou que o BNG quere substituír a súa falla de xestión perante o goberno municipal con denuncias sen fundamento que atacan o honor e dignidade das persoas en forma gratuíta. Bargiela, anunciou que independentemente de que se asesorará para tomar medidas legais, o dano "xa está feito". Afirmou non ter problemas por el, xa que ten moi claro o que fixo, pero ten fillos e non hai dereito de que sexan sinalados por este tipo de acusacións "gratuítas e mentireiras".