Sábado, 11 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor Robert Matthews no Foro Iberoamericano Baiona 2006

Robert Matthews no Foro Iberoamericano Baiona 2006

Correo-e Imprimir PDF
EEUU ante os cambios en América Latina
A sétima edición do Foro Iberoamericano que organiza cada ano o IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional), contará en 2006 cun convidado de excepción. Robert Matthews, doutor e profesor de Historia de América Latina no Graduate Center for Latin American and Caribbean Studies da New York University, será o encargado de impartir a conferencia o próximo día 2 de marzo ás 20:00 horas na Biblioteca Pública Municipal de Baiona. Robert Matthews analizará os trazos principais dos cambios que se están producindo en América Latina, nun ano en que se acometerán comicios de diversa natureza na maior parte dos países da rexión. Así mesmo, afondará na lectura que en Washington se está a facer do impulso político que coñece América Latina e os desafíos que iso implica para establecer un marco de relacións normais entre os dous hemisferios. O mapa das tensións en aumento entre Washington e algunhas capitais do cono Sur e a súa evolución futura identificará os principais riscos de desestabilización.

Robert Matthews ten escrito sobre os movementos sociais en América Latina no século XIX, a política exterior de EEUU cara América Latina e o mundo en desenvolvemento, os conflitos de baixa intensidade en Asia, África e América Latina durante a guerra fría, os EEUU e a súa guerra contra o terrorismo, e o conflito de EEUU con Iraq, Irán e Corea do Norte e os temas afíns de produción e proliferación de armas nucleares.