Sábado, 11 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Baiona O consello asesor do IGADI reúnese este sábado en Baiona

O consello asesor do IGADI reúnese este sábado en Baiona

Correo-e Imprimir PDF
Este sábado reúnese na Casa de Cultura de Baiona, o Consello Asesor do IGADI, o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, que dirixe Xulio Ríos. No Consello Asesor participan recoñecidas personalidades da vida académica, social e cultural galega, comprometidas cunha concepción universalista de Galicia e do mundo.

Esta é a sétima ocasión que se reúne o Consello en Baiona. Nesta edición, os participantes reflexionarán sobre as estratexias para o futuro inmediato, tanto no que se refire á definición da propia estrutura do Igadi e o seu posible traslado de Baiona, como ao perfil da súa identidade (think tank ou entidade máis permeable) e ámbitos de actuación principal, concretando propostas no eido da acción exterior, da cooperación ao desenvolvemento, en materia de publicacións, formación e documentación, ou no ámbito tamén da comunicación e transparencia.

Ademais de facer un repaso ás diferentes estruturas nas que participa, promove ou xestiona (dende o Fondo Galego ata a Fundación Plácido Castro ou o Observatorio da Política Chinesa), o Consello Asesor abordará o diagnóstico do momento presente e os primeiros pasos do goberno bipartito no que atinxe ás relacións exteriores. Ademais, reflexionará sobre a política de alianzas da propia entidade con vistas a incrementar a sensibilidade da sociedade galega nesta materia e a presenza internacional do propio centro.