Domingo, 28 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion Cartas Entre Baiona e Beijing

Entre Baiona e Beijing

Correo-e Imprimir PDF
Zheng He
  • Anterior
  • 1 of 2
  • Seguinte
Cóntanse por milleiros os quilómetros de distancia que separan a Baiona e Beijing. Non obstante, tan considerable diferenza disólvese nun instante de comunicación fluída e barata a través dos múltiples servizos que nos ofrece Internet, dende o e-mail, o messenger ou o Skype, por citar algúns exemplos. O comentario repítese unha e outra vez: ¡que marabilla, comunicación en tempo real! !Non parece que esteas tan lonxe! ¿Será tan doado aproximar as persoas e as culturas?¿Canto hai de diferenza nunhas e noutras máis alá do singular perfil de cada unha? Insístese en demasía no mundo de hoxe na importancia das especificidades, as que separan culturas, costumes, tradicións, ... motivos que afastan moito máis as persoas cando estas se empeñan en fincar valados no que separa en vez de recoñecer o natural e inmenso valor desa rica diversidade que nos une na diferenza e que cómpre preservar e non destruír. Pero mesmo así, entre a minúscula Baiona e a mastodóntica Beijing, as similitudes poderían ser máis das imaxinables a simple vista. E todo en proporción. Comezando por algo tan trivial como a bicicleta, por exemplo, aquí aínda tan usual a pesar da crecente irrupción do automóbil, e de tan frecuente presenza tamén na ruta que conduce a Silleiro e A Guarda ou polo “paseo do colesterol”, nunha mesma superficie plana como a que tanto facilita o pedaleo na capital chinesa.

O turismo, claro. A Cidade Prohibida é coma o Parador de aquí, aínda que sen Hotel. E a Gran Muralla ben podía equivaler ó entorno amurallado de monte Boi. O Templo do Ceo e a ex Colexiata poderían rivalizar nas pregarias, polas boas colleitas ou polas almas dos defuntos, polos que aquí tamén se manifesta unha especial devoción. O compartido respecto pola morte é un eixe común a moitas culturas, se ben en China, está rodeado ultimamente de anécdotas do máis divertido. Leo no China Daily que as autoridades van a vixiar máis os enterros porque algunhas familias organizan streeptease no rito funerario para asegurar un maior acompañamento do defunto. Canta máis xente, máis gloria na eternidade. 



A falta de mar foi compensada en Beijing con fermosos parques, como Beihai ou Yuyuantan, onde un pode contemplar magníficas postas de sol e gozar dun paseo en barca por augas en calma chicha que chegado o inverno, conxeladas, fan as delicias dos patinadores... e dos atrevidos e vigorosos bañistas. Nestes parques, as miradas e os pensamentos poden chegar a perderse entre as románticas ponlas dos salgueiros choróns que sedan os ánimos das xentes mentres observan a auga varada dos estanques que a media tarde semella moverse a gran velocidade.

Con todo, chama a atención a xenerosa humildade da maioría dos beijineses. Conscientes do que son, non precisan facer ostentación da súa importancia “capital”. A súa vida cotiá é un exemplo de satisfacción e modestia, só alteradas ante os campesiños inmigrantes que chegan a mares procedentes do inmenso rural chinés, buscando na capital unha oportunidade para gañar algún diñeiro e regresar á súa aldea. 

Beijing é unha suma interminable de aldeas pequenas formulando unha peculiar mestura rururbana, cun urbanismo complexo pero, en suma, bastante aceptable, e cunha mellora en perspectiva de cara a eses Xogos Olímpicos de 2008 que mobilizan investimentos multimillonarios e alentan corruptelas que xa se levaron por diante a varios responsables da organización.

Como Baiona ( o uso do te), Beijing ten os seus usos lingüísticos específicos. É moi común, por exemplo, que para devolver as grazas, os beijineses marquen a diferenza usando béng xié, en vez de méi xa ou bú xié, que ven a significar practicamente o mesmo: de nada.

Aquí non se cantan as glorias de Pinzón, pero si as de Zheng He, mariñeiro de terra adentro e eunuco encargado dos asuntos de palacio en tempos do emperador Zhu Di. Zheng He realizou sete grandes viaxes por terras de Asia e de África, deixando a súa pegada en máis de 30 países e rexións. Falecido en 1433, as súas fazañas dirixindo unha flota sen igual na historia da navegación mundial, desenvolvéronse poucos anos antes da viaxe de Colón a América e especúlase moito hoxe sobre se tivo algunha relación con ese feito a través dos comerciantes europeos presentes na China da época.

No medio de tanto aluvión de xentes que van e veñen, a enerxía cultural, o esforzo constante pola posta en valor de todo o simbolismo que concita a inmensa historia desta cidade, coa creatividade suficiente para proxectala no presente e no futuro é, non obstante, a principal diferenza que separa a Beijing de Baiona. Aí si, aquela quilométrica distancia inicial que se disolve na comunicación instantánea de hoxe, acaba por converterse en anos luz de afastamento e as diferenzas, tan fáciles de diluír en tantos aspectos, acaban por facer de Beijing e de Baiona dous planetas sorprendentemente distintos. 

Por Xulio Ríos 





Xulio Ríos (Moaña, 1958) é director do INSTITUTO GALEGO DE ANÁLISE E DOCUMENTACIÓN INTERNACIONAL, desde a súa fundación en 1991. Director da Fundación Plácido Castro e do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

Dirixe Tempo Exterior, revista galega de análise e estudios internacionais.
É membro dos Consellos Asesores de Casa Asia e da Fundación Carlos Casares.
É membro correspondente da Real Academia Galega e da comisión de cultura galega no exterior do Consello da Cultura Galega.


Se ver máis fotos de Bejing consulta a wbe do IGADI en:
http://www.igadi.org/album/t_album_beijing.htm