Matinaba eu, nunha tardiña soleada de primeiros de febreiro, en chegar á casa e poñerme con certas cousiñas atrasadas. Corrixir algúns exames, preparar algunhas clases e redactar algún que outro escrito reiterada e intencionadamente posposto. Mais non puido ser. Non había luz....
Non había luz en toda a parroquia. Tampouco en Couso, nin en Morgadáns, nin en Peitieiros, nin en... Miles de persoas sen luz. Regresou ben avanzada a noite. Non pensen vostedes que vivo nun sitio afastado. Xa ven, é en Gondomar, no turístico Val Miñor, nun concello integrante da Área Metropolitana de Vigo, a vinte quilómetros do centro da gran urbe do sur de Galicia. ¡E non tiñamos luz!