Mércores, 16 Oct. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion MeRZ Da imaxe

Da imaxe

Correo-e Imprimir PDF
Da-imaxe-e-o-texto

As veces teño a impresión de que, malia a súa indiscutible hexemonía, á imaxe non recibe o interese que lle corresponde. Se cadra, acollémola dun xeito descoidado, tanxencial, decorativo seica. Mais, unha das características do noso tempo é a posibilidade de ver cousas, xa sexan niveis de temperatura, afastadas galaxias, previsións meteorolóxicas, fetos na súa evolución, latexos do corazón ou conexións cerebrais, que, en si mesmas, non son de natureza visual. Como tampouco o é o soporte informático que as crea. Hai cen anos, Malevich xa comparaba as distintas impresións percibidas desde unha carroza ou desde un tren. Un pulo cualitativo que deu en amplia-lo noso campo óptico ao tempo que reducía a escala do mundo. Unha medra significativa das nosas capacidades e destrezas perceptivas, que subliña as aínda descoñecidas posibilidades do noso cerebro para interpretar e codificar, dun xeito moito máis rápido, un maior número de informacións. Só temos que pensar na cantidade de estímulos visuais e sonoros que, á máis de atender á situación do tráfico e acordar as manobras precisas, decote recibe o automobilista actual.

Se cadra, vivimos no seo dunha tradición occidental que privilexia a palabra, oral ou escrita, sobre a representación visual. Como se o texto convidara a unha reflexión que a imaxe, supostamente máis inmediata, non require nin precisa. Asemade, nesa silandeira hostilidade determinamos que toda cultura visual tende inevitablemente á corrupción e a mediocridade, culpando á imaxe das distorsións derivadas da preeminencia do cotián. Mais, nesa dinámica democrática pola que as decisións inclúen e corresponden a un maior número de actores, o mundo como texto abre paso a un mundo de imaxes, amosando a caducidade dunha vella orde na que a palabra, nomeadamente a escrita, reflectía os valores dunha elite alfabetizada. Así, algúns daqueles que tiñan no texto o espello dunha reflexión rigorosamente artellada, veñen negando esas mesmas calidades á imaxe, manifestando un fondo receo, seica revestido de desprezo, perante a súa fascinante quietude, a súa distante presenza.                 

Segundo José Luís Pardo, o movemento é o paso dunha potencia, ou posibilidade, ao acto. Dado o carácter imperfecto dese conxunto de potencias que conforman o principio do movemento, pois, unha a unha, atópanse separadas da súa finalidade ou realización plena, o movemento non atinxe nunca a perfección. Isto quere dicir que esas potencias iniciais non se actualizan ao mesmo tempo, ou, o que é o mesmo, que todos os entes manteñen un residuo latente de potencialidade, un retallo de indeterminación que impide un exercicio pleno, unha actualización pura e absoluta. Así, José Luís Pardo define a presenza como o recoñecemento da existencia, sempre ideal, desa actualidade pura e sen residuo algún de potencialidade, unha culminación perfecta e absoluta do movemento, que, pola súa parte, non ofrece ningún tipo de desprazamento ou alteración. 

Porén, esa representación, esa escenificación da presenza, require, entre ela e os seus receptores, dunha meditada distancia que non sempre se amosa fisicamente. Unha distancia que, afianzando un poder abstracto e polisémico, precisa, ao seu redor, dunha clase clerical que exerce como imprescindible mediadora, como solemne gardián dos seus arcanos. Así, toda representación defínese, na expresión dun tempo detido ou ausente, como unha abstracción. Se cadra, a abstracción non é máis que esa distancia, propia ou adoptada, crítica ou sometida, que desenvolvemos na ollada. Aos nosos ollos, tan abstracto pode ser o Pantocrátor románico, como esa fotografía dun escuro pulmón de fumador que cubre o paquete de tabaco. 

Mais, as ecuacións da modernidade estableceron que todo adianto democrático é directamente proporcional á redución desa distancia. Ai está o esforzo humanizador que vai do hierático Pantocrátor ao Cristo de Caravaggio ceando nunha tasca. Ou ese ritual de rebanar o pescozo dun rei, simétrico á coroación, que da orixe a unha república. A evolución das ciencias positivas, o desenvolvemento tecnolóxico, a instrución pública, ou mesmo, como observara Walter Benjamin, a propia dinámica da reprodución técnica, da repetición invariable e infinita, contribuíron en destapar os agochados mecanismos desas escenificacións e desartellar a súa artificiosa distancia. E aquela clase clerical, orfa de tronos e palios, recóllese agora nos templos de formación do gusto e a opinión, tentando impoñer as súas distancias provisionais nese caótico laboratorio que é a cultura visual máis popular. Se cadra, aprendemos moito, e moi rápido, con esas sofisticadas creacións que encandean a medio mundo. Aos poucos, e grazas á saturación e manipulación mediática, a imaxe amosa a súa condición de simple artefacto, de tecnoloxía en si mesma, tan útil para crear novos eidos visuais, desvelando o agochado e invisible, como para o mesmo engado. Ver xa non significa crer, senón interpretar.

Claro que o feito de interpretar esixe, do cidadán, uns esforzos e condicións que o crente non precisa. De ai que a presenza, esa vella intuición tan relacionada co poder, así como as súas metonimias, a Beleza e a Poesía, aínda manteñan a curiosidade e interese, cando menos, dos construtores de imaxes. Nesa longa tea de Penélope, mentres uns artistas cumpren coa función tradicional de renovar, no actual escenario dixital, o aura das vellas tremoias, outros dan en desvestila, unha e outra vez, das súas ridículas fachendas. Porén, non observo un especial interese no estudo e coñecemento da imaxe, en aprendermos a descodificala e filtrala. Se cadra, nos programas educativos, vellos ou novos, non hai disciplina que acolla ese papel, tanto na análise dos aspectos técnicos como no relativo aos conflitos, sempre vixentes e actuais, entre verosimilitude e verdade, realidade e ficción, ou á mesma interacción co texto e a palabra. Mais, coido debería ser un aspecto imprescindible da educación dos nenos, como o foron, durante séculos, a alfabetización, a caligrafía e a práctica da lectura e a escritura, no mundo textual. Hai só unhas semanas, Vítor Vaqueiro, nun cálido faladoiro no IEM, denunciaba que a materia de fotografía e imaxe fora excluída dos estudos dos nosos futuros xornalistas. Hai xa dúas décadas, Bertrand Tavernier dicía: Podo ser excesivo, seino. Mesmo podo resultar violento, como cando escoito a algún rapaz dicir que non quere ver películas en branco e negro. Non aturo escoitar cousas así. Se existen dúas táboas de salvación neste mundo, son a paixón e a curiosidade. Hoxe, os rapaces, malia que non me gusta xeralizar, coñecen moitas imaxes, mais carecen dos mínimos conceptos para interpretalas. Vivimos nun mundo de imaxes, e por iso é preciso aprendermos a descifralas. É o único xeito de non caer na súa ditadura.