Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion MeRZ Da paisaxe e as figuras

Da paisaxe e as figuras

Correo-e Imprimir PDF

 

Aínda hoxe, nalgúns apartamentos de aluguer, achamos vellas pinturas que representan tópicas paisaxes con figuras, mandas de animais salvaxes ou escenas de caza. Producións de baixo prezo e valor que, realizadas dun xeito case industrial, definimos, con certo desprezo, como cadros de moblería. Imaxes, nas que a súa rutineira factura reflíctese na idealización dunha Natureza inmutable, sometida ao marco dourado, amosando, nunha meditada mestura de estéticas e modelos de difusa orixe clasicista, unha representación conformista e neutra. Mais, tamén, nas acuarelas que pintaba Hitler, as paisaxes de Franco, ou no mesmo realismo stalinista, topamos coa representación máis adozada e banal. Non é casualidade que, na súa idea totalitaria e informe da cidadanía, defenderan o naturalismo burgués mais simple e mediocre, esa arte superficial e populista que admira un ser conservador e inculto en calquera parte do mundo. Esa é a súa forza. Unha imaxe bucólica da natureza, unha visión da realidade tal como é, que agocha a arrepiante desfeita da intolerancia, a mentira, a manipulación e a explotación. Mais, sabemos, hai tempo, que o excedente de control produce unha fonda desestruturación en toda comunidade humana, creando, a xeito de retroalimentación, ríxidas inercias de conformismo e dependencia, nunha visión da existencia máis afín á mecánica de sólidos da vella escola, que a esa dinámica de fluídos que só reservamos para o estamento financeiro. Botemos unha ollada ao urbanismo público que temos, despois de trinta anos de axudas europeas, cartos a esgalla, e crecemento salvaxe e ininterrompido. Hoxe, abondando nesa lóxica, maniquea e pavloviana, derivada de vellas chantaxes, e aparcado o Monopoly por falta de cartos, seguímonos a conformar cun estrondoso e populista espectáculo de mínimos. Tanto ten o criterio. Alfombras de céspede artificial, fontiñas, beirarrúas, varandas, rúas, praciñas, xardíns zen, pequenos retallos que quedan á sombra dos anódinos bloques de pisos. Manter ocupados aos amigos. E aos votantes. Chámanlle humanizacións. Obras públicas feitas a toda presa, sen calidade nin previsión, simples, parciais e moi visibles. Nun mundo de escaseza é coherente a existencia dunha ciencia económica e uns sistemas legais encadrados nunha omnipresente mentalidade do medo. Medo á natureza, medo a morrer de fame, medo a perder as posesións. O mundo da escaseza, a nivel material, é o mundo do medo a nivel psicolóxico, e o mundo do autoritarismo a nivel social (Luís Racionero) Por outra banda, aí temos o vello espazo de reunión, faladoiro e xogo, que asoma ao río, na Ramallosa, no recheo das antigas cocheiras de tranvías. Sen protección algunha ata hai uns quince anos. Mais, a súa varanda non está pensada para os nenos pequenos, senón para os grandes. Mirade, tamén, o groseiro muro, esa brutal cicatriz, que construíron na estrada de Baiona á Garda. Resulta significativo como entendemos a paisaxe e as figuras, como xerarquizamos, nestes tempos de crise, as prioridades e os investimentos. A quen protexe, de quen? Abofé que canto máis se reduce a protección estrutural nos ámbitos da saúde, o ensino ou a cultura, máis medran as normas e as leis, os valos, as varandas e os muros, a prevención do risco físico, os controis policiais aleatorios, a incomunicación e o medo. Sempre pola nosa seguridade. Si. Acirrado polos medios de formación, aumenta, dun xeito exponencial, ese histérico segmento da poboación que amosa unha obsesiva sensibilidade pola seguridade dos nenos de dous aos noventa anos. É preciso que nos defendan dos malos pensamentos, dos nosos mais baixos instintos. Aquí, os únicos suxeitos que gozan, a priori, de plena responsabilidade e suposto autocontrol, son os que configuran o estamento político, financeiro, clerical e publicitario. Só temos que pensar nos seus inmensos privilexios respecto as leis que eles mesmos propoñen e aproban para a nosa convivencia. Antonio Escohotado conclúe que a tarefa das institucións non é salvar as nosas almas nin facernos mais perfectos, cultos, guapos, ricos, saudables ou felices, que diso, a pouco que nos deixen, xa nos ocupamos nos, senón defender un conxunto de regras, definidas nun consenso que podemos chamar dereito, impedindo que prosperen o monopolio, a coacción, o engano, a violencia, incluída a económica, o asoballamento e a fraude. Un non entende como se venden tantos libros de ficción nesta España que abanea entre o conto de fadas e o relato de terror, entre o corrupto puritanismo de cuartel e a festa interminable das vaidades. Con só abrir o xornal, aínda sabendo das súas dependencias e vicios, asistimos, abraiados, a truculentas historias de vampiros, escuras conspiracións templarias e milenarios códigos vincinianos. Coa vella e desafinada salmodia de fondo dun lingoreteiro bispo que só da en falar da homosexualidade, os clubs nocturnos, o sexo, os nenos e as adopcións. E dálle. E veña. E dálle. As súas verbas son como as procesións, que sempre volven ao lugar de onde saíron. Reviravoltas do bafo creacionista e divino. Quen dicía que as artes contemporáneas están afastadas da realidade? Se cadra, para achegarse ás paisaxes e figuras, son máis útiles e reveladoras as propostas da arte efémera e procesual, de reflexión en acción. Desde a intervención urbana, a xeito de gaiola, que pecha as Cortes de Madrid, ata a variante actualizada dun antigo happening, unha vella performance, pura e inútil tautoloxía, entre sogro e xenro. Mais, hoxe espertei optimista. Si. Imos mellorando. O antepenúltimo tentaba transplantes de corazón.