Mércores, 13 Nov. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion MeRZ MeRZ 10

MeRZ 10

Correo-e Imprimir PDF

Deleuze fala da influenza que, na nosa forma de ver, sentir e reaccionar na vida, teñen, nas últimas décadas, os deportes que utilizan unha enerxía allea ao deportista para que se produza o movemento. Deleuze sinala o paracaidismo, o parapente, a patinaxe, o esquí, o surf e todos os seus derivados. Trátase de deixarse levar, de esvarar riba dunha onda ou dun pensamento, de recoñecer e estudiar a corrente que te arrastra, de adiviñar o seu obrar. Nesta actitude  recoñécense os  resóns do pensamento oriental, o influxo da contracultura dos años 60 coa súa noción do devir como experiencia e, por suposto, unha idea sostible do aproveitamento enerxético. O ready- made é o nome que o artista francés Marcel Duchamp (1887- 1968) deu á un tipo de obra inventado por el, que consiste nun obxecto de producción masiva, escollido ao azar e liberado do seu contexto, que se amosa como unha obra de arte. O seu primeiro ready- made, feito en 1913,  consistía nunha roda de bicicleta posta enriba dunha banqueta. O mesmo Duchamp diferenciou o ready- made do objet trouvé, ou obxecto atopado, sinalando que, mentres este último se escolle polas súas calidades estéticas, a súa beleza ou o seu caracter único, o ready- made é un calquera entre un grande número de obxectos producidos en serie, sen ningún tipo de personalidade. Todo o que ve vostede neste cuarto foi deixado polos arrendatarios anteriores; por conseguinte, non verá gran cousa que me pertenza, pois eu prefiro estes instrumentos do azar. A diversidade da súa natureza  impídeme limitarme a unha reflexión unilateral e, neste laboratorio cuxos recursos someto a un inventario sistemático e ben entendido, a miña imaxinación  exponse menos a marcar o paso (Marcel Duchamp). A colaxe non é só un recorte ou unha fiestra. Ese non é mais que o camiño que leva a activar unha colaxe mental. Unha colaxe antes de atoparse co papel. Pensar en colaxe. Porque diante dunha colaxe temos a sensación de que non todo está resolto, e que, malia  a súa aparencia obxectiva e firme, sempre queda algo a medio camiño, intanxible, pois a colaxe non é propiamente unha forma senón unha viaxe entre dous planos diferentes. A irrupción da síntese dixital acentúa, no cortar e apegar, a evolución e o desenvolvemento dunha deconstrucción critica da realidade, vixente nas artes e o pensamento desde o século XIX, definindo un espazo que invita a modelar  unha nova existencia, pois xa nada é intocable nin está exento de revisión. Un espazo que percibimos cada vez mais pequeno, e que, malia a incómoda, e falsa, sensación de que todo está xa inventado, ábrenos á posibilidade de reflexionar arredor das distintas realidades e perspectivas, nunha colaxe que cede o protagonismo, e tamén a responsabilidade,  á un espectador, ou lector, que reconstrúe e remata as mensaxes. Podemos relacionar esta actitude coa influenza que a recuperación do pasado, o interese pola historia, as dúbidas sobre o modelo antropocéntrico, a inquietude pola ecoloxía, a reciclaxe ou a rehabilitación, teñen na actualidade. Tanto ten un edificio ou unha prótese artificial implantada nun ser humano. A idea é construír novas casas cos vellos ladrillos, rexeitando os deteriorados e incorporando materiais sintéticos novos. Ven a ser un novo xeito de entender as vangardas constructivistas de principios do século pasado, asumindo unha condición utópica e poética que, despois de limar as súas arestas dogmáticas,  xa non se permite comezar de cero. Este texto que entrego cada mes, con puntualidade xeométrica, participa tamén, na súa estrutura, da mesma idea. Aínda que o resultado adoite ser contradictorio ou paradoxal, supón unha maneira de atopar outras miradas e sentidos, tendendo corredoiras e pontes entre os distintos campos, e tentando rachar, de xeito transversal, coa existencia de  compartimentos estancos. Riqueza é a cantidade de enerxía organizada e dispoñible (Richard Buckminster Fuller).  A historia non rematou. Nestes momentos de longa e custosa transición cara á un espazo mais aberto e democrático, nos que a crise económica que sufrimos pode estimular a nosa conciencia e responsabilidade, temos que dar resposta a un xeito de vida cada vez mais plástico e fluente, na procura dun equilibrio entre as perspectivas locais e as globais, entre os soños e desexos dun individuo que precisa medrar e as necesidades da comunidade. Acometer esta construción obríganos a rexeitar todo tipo de actitudes e modelos pechados, centralizados, tremendistas, autoritarios, paternalistas, clericais e populistas que brindan solucións salvadoras para todo aquel cidadán temeroso, supersticioso e inseguro. Podemos definir a noción de plástica como todo material susceptible de ser moldeado, isto é,  intervido e modificado formalmente. Pero o plástico é moito mais, pois representa o indeterminado, o aínda non dito nin imaxinado. É a materia coa que se constrúe e moldea a razón, ou mesmo, a linguaxe.  Coa conciencia dun xeito de vida inxusto e imposible de soster, coas súas disfuncións sociais, enerxéticas e ecolóxicas,  podemos afirmar que xa está todo inventado?