Martes, 18 Jun. 2019

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Opinion MeRZ MeRZ 3

MeRZ 3

Correo-e Imprimir PDF

O acelerado ritmo da montaxe cinematográfica de Hollywood impúxose nos espectadores de todo o mundo, xa nos tempos mudos de Chaplin ou Buster Keaton. Pero o ritmo non ten que ver coa calidade dos filmes, pois unicamente implica un tempo e, polo tanto, unha maneira de mirar. Hai moita diferenza entre facer unha mesma viaxe en automóbil ou en bicicleta. As dúas percepcións son desiguais e, a vez, complementarias. Unha revisa a paisaxe con trazos grosos; a outra, pasea, vagarosa, polo miúdo. A nosa obriga, no sentido de ledicia plena, de ocio construtivo, ou mesmo, na procura dunha amplitude dos nosos límites, é abrirnos ás diferentes miradas posibles, aínda que  nos custe un pequeno esforzo. A comprensión de calquera cousa por parte dun individuo reside basicamente nos seus límites conceptuais. É dicir, comprendemos máis, cantos máis territorios e posibilidades poidamos imaxinar e experimentar. O mesmo público que rexeita, por incomprensibles, as obras de arte de vangarda, goza coas obras de arte tradicionais, mais, non é porque alí non haxa nada que comprender, senón porque a operación do entendemento pasa inadvertida e se realiza sen esforzo: as obras falan a mesma linguaxe que todos os demais obxectos do mundo e, polo tanto, suxiren a -falsa- impresión dun goce inmediato que non precisa auxilio do entendemento. Ao facelo así, tales obras agochan o feito de que o goce estético é sempre un goce intelectual, un pracer superior á fruición vulgar e corrente. (José Luis Pardo). Val Miñor. Actividades do BNG. En Nigrán consulta aos veciños sobre que concello queren, no que poderán expresarse mesmo artisticamente (La Voz de Galicia, 18-12-2010).  A raíz da súa invención, na metade do século XIX, a fotografía  asumiu e monopolizou o aspecto máis importante, útil e popular das artes plásticas ata entón: a  imaxe como documento. Retrato, paisaxe, sucesos significativos, feitos sobresaíntes… Máis dun crítico profetizou, daquela, a morte da pintura. Unha das características da arte contemporánea, citada y criticada ata o esgotamento, é a ausencia de canon, o que permite, teoricamente, facer arte desde calquera presuposto. No ano 1973, Orson Welles realizou F for Fake, titulada Fraude na súa exhibición en castelán. Ven a ser un traballo inclasificable, unha especie de documental feito con moi poucos medios, unha colaxe construída con recortes e retallos de película, que, incluíndo fotogramas e datos falsos na súa montaxe, trata da falsificación. O seu punto de partida é a vida e milagres do pintor, de orixe maxiar, Elmyr d’Ory, residente na illa de Ibiza nos anos cincuenta e sesenta, que fachendeaba de atopar as súas obras nos museos de todo o mundo, atribuídas aos grandes mestres, Picasso, Matisse, Modigliani e outros. Por outra banda, Welles amósanos a curiosa historia do escritor Clifford Irving, autor dunha biografía inventada do magnate americano Howard Hughes. Desaparecida a función documental, as artes plásticas pasan de tomar como referencia á natureza, escollendo e illando o que xa existe, a entenderse como construción independente, promovendo a posibilidade de facer algo novo onde antes non había nada, pois a obra artística non pode seguir as mesmas regras polas que se rexe a natureza. Impulsada por esta noción formalista, filla do racionalismo ilustrado e do progreso técnico, a arte descubre un novo referente que sempre estivo aí: a mesma arte. Preguntarse, nun xeito de metalinguaxe, que é, en qué consiste ou falar de si mesma, pasa a ser o gran tema. O artista interrógase, entón, polo seu traballo, os seus motivos, procesos, intencións, técnicas ou materiais, o que supón unha renovación dos enfoques e as perspectivas, ademais da posibilidade de variacións, combinacións e asociacións de todo tipo, acadando unha obra que non só se independiza da realidade, senón que pretende intervir nela.   Segundo meu amigo Carlos Méixome, a arte contemporánea é bastante aburrida. De xeito sorprendente, esta é unha opinión moi estendida, mesmo entre persoas de certa formación e curiosidade. O aburrimento desaparece cando desaparece o noso interese polos clímax (Sócrates).