Da bíblica Torre de Babel ás pirámides exipcias ou maias, das catedrais góticas ao Kremlin dos tsares, desde a Cidade Prohibida chinesa a San Pedro do Vaticano, a estreita relación entre sociedade autoritaria e construcción emblemática, definida pola grandiosidade da sua escala e tamaño, é vella e ben coñecida. Esa monumentalidade, que agora, despoxada, na maioría dos casos, das súas funcións iniciais, gozamos con distante abraio e admiración, erixiuse, no seu momento, como manifestación da omnipresente presenza dun poder patriarcal que tanto ameazaba coa súa protección paternal como esixía os mais arrepiantes sacrificios.Mais, na actualidade, a mesma idea de monumento semella desmesurada, esaxerada e fora de época para unha grande maioría da poboación pois, desde aquela, os súbditos e fieis fóronse convertendo paulatinamente en cidadáns, nun lento proceso onde a moral tradicional, avalada pola autoridade relixiosa, quedou deslexitimada a prol dunha moral autónoma definida desde a conciencia individual. Unha conciencia que, a estas alturas, intúe que unha sociedade harmoniosa constrúese desde abaixo, rexeitando determinadas manifestacións arquitectónicas promovidas polo poder autocrático, escenografías sempre a cabalo entre unha expresión esperpéntica do sublime e un artificioso baleiro, facendo risibles, e pouco cribles, os escenarios totalitarios de Nuremberg, Valle de los Caídos ou Tiananmen, mais, tamén, moitos dos seus sucedáneos actuais. A construcción do museo Guggenheim, en Bilbao, polo arquitecto canadense Frank Gehry, inicial e discutible logro que tenta levar á arquitectura mais alá da súa función, mesturándoa coa escultura para acadar unha forma icónica que prima a imaxe sobre o espazo, deu lugar a unha subordinación dos cartos públicos á erección de continentes arquitectónicos sen contidos, sempre forzados, espectaculares e mediáticos, afastando á arquitectura da súa maior conquista moderna, a de constituír un servicio para o común da sociedade, desenvolvendo e democratizando a integración de técnica, función e pensamento. O abuso da fórmula, a súa repetición continuada, procura negar un presente que sempre defende a súa vixencia. A fórmula é artificial porque, xa na primeira repetición, tenta copiar un pasado do que é mera referencia, establecerse nun presente ao que non representa e propoñer un futuro que xa a superou. Como se, a principios do século XXI, mantivésemos os mesmos valores, estruturas e criterios sociais que permitiron, tres ou catro séculos atrás, a construción dese marabilloso enclave barroco que ven a ser o Obradoiro coa súa catedral, e sen afastarnos do mesmo Santiago, atopamos esa saca sen fondo que ven a ser o Gaias, ou Cidade da Cultura, Negación Real de Toda Cultura Democrática, Construción Fora de Escala, Icona Banal, Primaria e Fachendosa, Signo da Mais Rancia Autocracia e Emblema Ostentóreo, que diría un ilustre e esquecido paisano da mesma cidade. E, sobre todo, non esquezas o que che dixen. Sinxeleza de formas, severidade no conxunto, nobreza sen arrogancia, maxestade sen ostentación (Carta de Felipe II ao seu arquitecto Juan de Herrera) Na súa primeira película, a mítica Cidadán Kane (1940), Orson Welles parodia ao magnate da prensa W. R. Hearst, un home que utilizaba a súa inmensa fortuna na acumulación compulsiva de obras de arte. Hearst era coñecido por manter, a tempo completo, axentes en Europa que mercábanlle antigüidades, cadros e esculturas clásicas, gravados, cerámicas ou moedas, mais tamén, vellas pedras labradas, vidreiras góticas, anacos de pazos derruídos ou claustros románicos, que, unha vez embalados e remitidos aos EEUU, arrombábanse, sen abrir, en Xanadú, a residencia do millonario. Neses momentos de rápido desenvolvemento industrial e mercantil, definidos por amplos e vertixinosos crecementos do capital que adoitan rematar en crise mundial, o arquetipo de novo rico proposto por Welles non coñece límites á súa bulimia, ofrecendo, coas necesarias diferencias de escala e latitude, un atractivo modelo para todos aqueles que confunden o vivir ben, ou moi ben, con fachendear duns reais ou supostos éxitos que superan, con moito, a súa capacidade de asimilación. Dime do que presumes... Nos últimos anos, as comarcas mais ricas e poboadas do pais, incluído o noso val, convertéronse en pequenos museos e itinerarios do kitsch, onde podemos atopar, fora do seu lugar e función orixinal, casas señoriais, hórreos, cruceiros, brasóns e outras pedras ilustres, mais tamén outras construcións de pega como supostos pazos, soportais, columnas, balaústres, fontes, pórticos, ameas, animais heráldicos, leóns ou aguias, que, construídas coas novas, masivas e baratas técnicas de traballar a pedra, adornan os eidos de pequenos magnates que procuran verniz, avoengo e liñaxe, nunha absurda nostalxia de modelos de cartón pedra e tempos aristocráticos xa pretéritos, que coñecen polas telenovelas ou as vellas películas de espadachíns. E, falando de telenovelas, remato cunha curiosa anécdota. Porque, desa crítica e intemporal película de Welles, o aspecto que mais ofendeu a Hearst foi o sutil emprego da palabra Rosebud, a derradeira verba dun Kane agonizante que lembra o seu trineo infantil e serve de escusa para o desenvolvemento da trama. Coñecido e difundido polos chismes de Hollywood, Rosebud, botonciño de rosa, era o nome que o inspirado Hearst daba aos xenitais da súa amante, a actriz Marion Davis.
Posdata. Malia que, por norma, adoito compoñer estes textos sen ter en conta sucesos concretos ou inmediatos, este mes de novembro, e dada a convocatoria de eleccións xerais para o vindeiro 20 de novembro, despois dunha recente, amistosa e informal conversa, onde se mencionou a posibilidade de escribir arredor de cuestións políticas, recoñezo que me sentín tentado en facer unha excepción, e mesmo, nalgún intre, tentei ordenar, negro sobre branco, algunhas ideas. Pero non. Non, pois non me sinto quen de colaborar, cuns previsibles comentarios, nesa contínua e forzada presenza, que saturando o día a día dos medios de comunicación, aínda vai multiplicarse, dun xeito exponencial, nas vindeiras semanas.
Porque, por outra banda, nestes textos-colaxe que tratan das relacións, influenzas e contaminacións entre a sociedade, as ideas e as artes, e que, baixo a designación xenérica MeRZ, entrego, puntualmente, mes a mes, de que falo, ao final, senón de política? Política do que prefire esculcar nas mareas do diario transcorrer dunha lexislatura, para camiñar, calmo e relaxado, no tempo de eleccións. Algo semellante ao que dicía, á vista da crise, un coñecido meu, economista, que pensaba que, nunha idea aplicable tanto ao cidadan de a pé como á gran banca, deberíamos aforrar mais nos tempos de prosperidade, para gastalo nestes momentos de crise. A verdade é que, fagamos o que fagamos, ou falemos do que falemos, definímonos, no fondo, como animais políticos, e por iso desconfiamos, instintivamente, de todo aquel que a despreza ou non se interesa por ela. E facemos ben, pois, a estas alturas, sabemos que tal afirmación amosa sempre unha inercia mecánica, unha conciencia entregada. Un voto regalado sen esixir nada a cambio.
Non son quen de propoñer, aquí, ningunha opinion, pois manexo as dúbidas propias dun caracter pouco amigo de toda trincheira ideolóxica, e, ademais, considero o meu pequeno voto algo importante e prezado para introducilo sempre na mesma urna. Nestes tempos de marabillosa incertidume que nos tocou vivir, o meu voto muda segundo cambian os contextos. E vaia se cambian!, aínda que o discurso político convencional, sempre moi rutineiro e conservador, pretenda esquecelo. As veces, as menos, votas por unha opción que coidas urxente, necesaria. Outras, optas pola necesidade de promover pactos, equilibrios, diversidade, xa que aborrezo as maiorías absolutas de calquera cor. Da clase política, e dubidando sempre se, na sua vaidosa ambición na procura de poder, gañan algo mais do que perden, rexeito certos recendos autoritarios, a tremoia, a súa artificial proximidade e seguridade. Mais, non é que así sexa a nosa clase política, senon que así somos nos, o conxunto de todos. Ela só configura un obsceno e irregular espello, esvaído reflexo das nosas opcións ideolóxicas, e poderosa lente que amosa e realza os nosos vicios e carencias.
Os meus sinceros e mellores desexos para os vindeiros catro anos.