Sábado, 27 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar Lumes de distinta intensidade foron controlados en Couso, Tebra, Mañufe e Vincios.

Lumes de distinta intensidade foron controlados en Couso, Tebra, Mañufe e Vincios.

Correo-e Imprimir PDF
O lume en A Raxada, parroquia de Couso, Gondomar - Foto @antonestevez

-O lume arrasou 15 hectáreas de A Raxada nos montes de Couso en Gondomar.

-Foron controlados dous principios de incendio en Fontán (Mañufe) e A Pasaxe (Vincios)

-Desigual sorte sufriron os petróglifos do Monte Tetón

Comuneiros de Couso combaten 15 hectáreas de lume.

O traballo da brigada de comuneiros de Couso impediu que o foco de lume que iniciouse sobre as 21:40 horas do mércores non tivera peores consecuencias sobre a parroquia. Ao mesmo tempo que tres focos de lume arrasaban o Monte Tetón, outro comezou a espallarse en A Raxada, á altura do Mirador do Viso no Alto de San Antoniño, parroquia de Couso. Membros da Comunidade de Montes de Couso foron os primeiros en combater as lapas que a grande velocidade, por mor do vento do nordés, rapidamente abrangueron a zona.

Imaxes do lume captadas dende Gondomar

Dim lights Embed Embed this video on your site

A inmediata acción dos veciños permitiu apagar a zona de O Castro, un xacemento arqueolóxico presuntamente da Idade de Ferro que atópase dentro da ruta arqueolóxica inaugurada hai poucos meses. Segundo Xosé Antón Araúxo, presidente da CC de MM de Couso, a pesar da intensidade do lume, a brigada de comuneiros foi capaz de apagalo, o que sumado aos traballos previos de conservación, impediu a perda irreparable deste xacemento.

Trala chegada posterior dunha brigada forestal de apoio, púidose controlar o resto do perímetro sobre as 3h da madrugada. Nembargante, sobre as 7h deste xoves, os comuneiros deberon concorrer ao lugar tras un rebrote do incendio que esixiu varias horas de labor.

Finalmente foron 15 as hectáreas de monte afectadas, cunha perda material importante de plantación forestal.

As altas temperaturas rexistradas, sumadas ao vento que aínda afecta a zona terán en alerta aos comuneiros no resto da xornada.

Se ben as autoridades da Xuntan non achegaron o informe pericial, ao igual que nos lumes de Tomiño, Oia e O Rosal existe a certeza do carácter intencionado destes.

Veciños de  Fontán evitan incendio na parroquia de Mañufe.

Outro lume intencionado foi reportado sobre a media noite do mércores no lugar de Fontán, parroquia de Mañufe á altura do Pazo. Veciños do lugar comentaron a esta Redacción que deberon combater o foco a base de palas, fregonas e escobas. O sinistro non logrou estenderse por mor da inmediata acción da veciñanza, xa que o foco tivo lugar a escasos metros das vivendas. O cheiro alertou e permitiu evitar a súa propagación. Efectivos da Garda Civil achegáronse ao lugar cando xa estaba controlado o lume.

Principio de incendio en A Pasaxe, Vincios.

Sobre as sete da mañá deste xoves, outro foco tivo lugar en Vincios, nas proximidades do polígono industrial de A Pasaxe,  que foi rapidamente controlado segundo deu conta a Policía Local de Gondomar aos medios.

Desigual sorte sufriron os petróglifos do Monte Tetón.

O conxunto de arte rupestre, O Real Seco, atoparíase na zona de maior afectación do lume, segundo fontes do Concello de Tomiño. Aínda que as autoridades non puideron achegarse á zona, por mor dos traballos de extinción, os reportes obtidos até o de agora fan temer pola sorte deste petróglifo localizado no centro do sinistro. Nembargante, en principio “As Portaxes” non estaría afectado directamente, mais deberá ser inspeccionado porque as altas temperaturas afectaron máis alá dos terreos sinistrados e a pedra podería estar afectada por termoclastia.

O ecoparque do Monte Tetón, localizado na parroquia de Tebra, contén dous xacementos de petróglifos con círculos concéntricos, os de maiores dimensións do continente europeo. “As Portaxes”, atópase musealizada e rexistra visitas didácticas e turísticas ao longo de todo o ano. Menos coñecido, pero maior en porte é o conxunto de "O Real Seco", localizado a máis altura nos montes de Tebra. Este conxunto xa fora vítima do lume en anos anteriores e boa parte do mesmo quedou desfeito. As consecuencias do incendio da pasada madrugada sobre o mesmo son aínda descoñecidas para as autoridades e temen o peor pola súa situación con respecto ao foco de lume.

Medio Rural declara “controlado” o lume en Tebra

Medio Rural informou que ás 05:31 horas desta madrugada quedou controlado o lume en Tebra, parroquia de Tomiño, que se iniciou ás 21:41 horas de onte mércores. Segundo as últimas estimacións provisionais, que se confirmarán tralo peritaxe, este lume afectou a unha superficie de 50 hectáreas. Na súa extinción traballaron 4 axentes, 14 brigadas, 8 motobombas, 1 pala e 2 helicópteros.

O lume orixinouse en tres focos distintos ao longo da noite, o que fai supoñer ás autoridades unha clara intencionalidade dos mesmos.