-A Xunta reivindica que todos os operativos se están a realizar baixo o seu "mando único".
-Novas medicións realizadas elevan a superficie afectada a 1.850 hectáreas estimadas. No último informe da tarde deste mércores 28 de agosto, a Xunta agrega que o incendio que afecta aos concellos de Oia e O Rosal continúa estabilizado.
O lume permanece sen estar controlado polos servizos de extinción, aínda que si estabilizado. Os traballos vén sendo obstaculizados por mor do vento que provoca rebrotes dentro da zona. O nivel 1 de alerta que fora decretado na noite do luns foi desactivado hoxe pola mañá.
A Xunta reivindica "o mando único" na coordinación dos operativos.
Por outra banda, no último comunicado Medio Rural reivindica o "mando único" da Xunta de Galicia na coordinación dos "medios aéreos e terrestres que traballan na extinción destes lumes" nos que se atopan grupos municipais, autonómicos e estatais
Nese senso, sinálase que no control deste sinistro levan traballado 4 técnicos, 32 axentes, 62 brigadas, 43 motobombas, 11 palas, 13 helicópteros e 7 avións. Tamén traballan na zona efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Servizo gratuíto de 085 para denuncias e alertas de lume.
A Consellería do Medio Rural e do Mar lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Tamén a conta de twitter @incendios085 dedicada exclusivamente a ir actualizando a información sobre incendios.