-A Fiscalía acusa ao ex alcalde popular Martín Urgal e ao responsable de urbanismo, Alfonso de Lis dun presunto delito continuado de prevaricación urbanística.
- O concelleiro Antonio Araúxo será unha das testemuñas que presentará a Fiscalía na audiencia penal que terá lugar os vindeiros 22 e 23 de outubro.
A Fiscalía pide 2 anos de prisión, 22.500 euros de multa e 8 anos de inhabilitación para exercer emprego o cargo público para o ex alcalde popular de Gondomar, Martín Urgal (2009 – 2011) e o seu concelleiro de urbanismo, Alfonso de Lis en razón dun presunto delito continuado de prevaricación urbanística. O litixio orixínase nun conflito mantido polos acusados coas entón Secretaria Municipal e a Técnica de Urbanismo que rematara cun decreto da alcaldía de afastamento das mesmas das súas funcións urbanísticas, as que foron delegadas a un consultor externo, o letrado vigués José Martínez Torea, a quen a Fiscalía tamén responsabiliza en calidade de “cooperador necesario”.
Por outra banda, a Fiscalía pide ao xuíz que declare nulas as resolucións de alcaldía tomadas entre o 22 de febreiro e o 10 de xuño de 2011, que outorgaron próximo a 38 licenzas urbanísticas en “expedientes tramitados sin el preceptivo dictamen jurídico municipal”, por mor do devandito afastamento das técnicas. Así como a nulidade do contrato “menor de servicio de asistencia jurídica”, que beneficiou a Martínez Torea, cun importe de 17.500 euros e que segundo a fiscalía tiña por fin obter informes xurídicos favorables e evitar “la intervención de las técnicas jurídicas municipales”.
A acusación da Fiscalía formalizada a finais de maio orixinouse nunha denuncia presentada polas técnicas municipais ao ser afastadas das súas responsabilidades. Para a súa documentación contou ademais cunha achega de información que presentou por vontade e a título persoal o concelleiro nacionalista Antonio Araúxo, quen perdera a alcaldía de Gondomar en xuño de 2009, por mor dunha moción de censura pactada polo PP e catro concelleiros do PSOE liderados por de Lis, que precisamente levou a Martín Urgal como rexedor, e a posterior declaración de “tránsfugas” e a pasaxe como non adscritos dos concelleiros socialistas.
A acusación será procesada polo Xulgado Penal número 2 de Vigo, os vindeiros 22 e 23 de outubro na que deberán comparecer , entre outros, ademais dos denunciados, o concelleiro nacionalista Antonio Araúxo, en calidade de testemuña.