Venres, 3 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar A oposición nomea como "O Plan de asuste" ás medidas aprobadas polo goberno de Gondomar.

A oposición nomea como "O Plan de asuste" ás medidas aprobadas polo goberno de Gondomar.

Correo-e Imprimir PDF
concello escudo_vidrio

- O alcalde impide a un veciño gravar en vídeo o debate do Plan de Axuste.

A oposición acusa ao goberno de Gondomar de axustar as contas municipais en base a unha maior carga nos petos dos veciños. Tanto o PSOE como o BNG opuxéronse ao plan de axuste no pleno extraordinario celebrado este venres. Ambos os dous partidos salientan que o goberno do alcalde Fernando Guitián omitiu revisar a débeda a pagar por case un millón de euros á concesionaria da recolección do lixo, a pesar de que moitas das facturas contan cun informe desfavorable da intervención. Ao mesmo tempo poñen en tela de xuízo a legalidade da sesión ao non ser convocada unha preceptiva Comisión de Contas previa á realización do pleno.

Socialistas e nacionalistas coinciden na falla da oportunidade das medidas (vernota) a aplicar, nun momento onde os veciños do concello atravesan as graves consecuencias da crise. Nomeadamente a revisión das taxas e o incremento do IBI a que levaría a revisión catastral, levaron a que os nacionalistas definiran o Plan Axuste como o "Plan de asuste", polas súas consecuencias nas economías familiares.

Creación da taxa de lixo.

Co respecto á creación da taxa de lixo, a oposición entende que a mesma estaba comprendida no imposto do IBI. Nese senso, socialistas e nacionalistas acusan ao PP de ter manifestado esa información en gobernos anteriores. "Hoxe tamén nos decatamos doutra grande mentira do PP, no IBI non estaba metida a recollida do lixo, así o declarou hoxe o Sr.Alcalde de Gondomar. Sen tempo non era," ironizou o concelleiro Pauliño del Río (BNG).

Revisión da situación catastral dos inmobles.

Ademais da oportunidade de facer a revisión nestes momentos, o portavoz do PSOE, Francisco "Paco" Ferreira, entende que a medida rematará sendo negativa aos intereses racadatorios da administración. De feito, o concelleiro entende que dita fiscalización -en mans de Catastro- deberá facerse en base á actual normativa vixente en planeamento urbano (Normas Subsidiarias), o que vai levar á baixa das vivendas en só urbanizable, polo que os números do goberno "son cábalas".

Unha crítica similar fai a oposición co respecto á extensión da taxa de sumidoiros: "o goberno terá que patear todas as arquetas do municipio antes de polo en marcha", advertiu Ferreira. Pola súa banda, o concelleiro Xosé Antonio Araúxo (BNG), manifestou as súas dúbidas sobre este imposto dada a nova normativa en materia de augas e saneamento que rexe na actualidade, onde é a Xunta a que xestiona e cobra neste eido.

Pago de facturas á concesionaria do lixo

"Imporán a taxa de Recollida do lixo, pero o que non van facer e controlar os pagos de máis que dubidosa legalidade á empresa Geseco", salientou del Río. Nese senso agregou que hai que recordar que dese 1,7 millón, 1 millón é para pagar a Geseco, mesmo pagando facturas que constan con 3 informes negativos de tres interventores municipais diferentes, ou servizos nos que non consta a realización "fehaciente" do servizo realizado, ou por traballos que non constan na concesión do servizo."

Pola súa banda, Ferreira salientou que estes pagos son os que están levando "á ruína ao Concello", coincidindo cos nacionalista no erro de non revisar as facturas a pagar co crédito do Goberno de España.

Baixa nas achegas aos grupos municipais.

Socialistas e nacionalistas non se opuxeron á baixa do 50% das achegas que actualmente reciben do Concello. Nembargante acusaron a Guitián e o seu equipo de goberno de non predicar co exemplo e non baixarse os soldos.

Xuros e condicionamentos a futuro por mor do Plan de Axuste.

O concelleiro Ferreira criticou a medida de baixar os gastos en inversións con fondos propios do Concello sen saber "en que se baixa". O líder socialista acusou a Guitián de condicionar co seu plan o futuro do municipio cunha baixa este ano en 150 mil euros e dende o 2013 ata o 2022 cunha media de 140 mil.

Pola súa banda, os nacionalistas lembraron que o ano pasado os actuais gobernantes "perderon unha subvención de 300.000€ para o polígono da Pasaxe por no ter fondos propios para a aportación do Concello na obra". Tamén pregúntanse agora, que novas obras e subvencións quedarán sen facer a futuro. "A falla de xestión e control do gasto vai supoñer para os veciños e veciñas de Gondomar un gasto anual de 300.000€ ata o 2022 para pagar o seu despilfarro", afirmou o concelleiro del Río.

Nese senso, Xosé Antonio Araúxo informou que entre as facturas a pagarse co crédito que habilitará este plan de axuste, atópase unha compra por valor de 3000 euros dunhas cadeiras ergonómicas para os funcionarios. Unha compra que se fixo a partir dun premio por igual valor que o Concello recibiu dun ministerio, "Onde foron a parar eses cartos?", preguntouse o concelleiro nacionalista.

Unha censura de dubidosa legalidade.

Para rematar, e por si pouca polémica rodeaba o debate, o alcalde Fernando Guitián prohibiu a gravación en vídeo do pleno que estaba a facer un membro da executiva do PSOE Gondomar. Mauro Misa Pereira, veciño de Gondomar e secretario de Infraestruturas da agrupación socialista, comezou a gravar a sesión cando o alcalde advertiulle que cesase de facelo ou tería que chamar á policía local para que o desaloxase.

A medida foi rexeitada por Ferreira e provocou un entredito co alcalde. Finalmente Misa apagou a súa cámara e o problema non pasou a maiores. Consultado, o alcalde -que non estaba seguro da existencia dunha norma que prohibira a gravación dos plenos por particulares- manifestou que entendía que esa gravación non aportaba nada ao debate e non parecía "conveniente" para o bo desenvolvemento do mesmo.

Nembargante, os socialistas acusaron ao alcalde de que el si grava o audio dos plenos e non entrega copia á oposición dos mesmo. Por iso o próximo luns presentarán un escrito á alcaldía solicitando autorización para gravar o vindeiro pleno ordinario.

Ferreira entende que a actitude do rexedor violou o dereito de información dos veciños, pois como o fan moitos partidos políticos e medios de comunicacións, esas gravacións son divulgadas aos efectos de que aqueles que non poden concorrer ás sesión, teñan de primeira man o transcurso das mesmas.