15 de outubro de 1936. En represalia pola morte dun falanxista, sacan do cárcere de Vigo a nove prisioneiros que son executados na estrada que leva de Baiona á Guarda. Dende entón, en cada aniversario do acontecido e mesmo baixo a máis estricta vixilancia e represión, nove cruces apareceron misteriosamente debuxadas na area no exacto lugar da execución, máis coñecido como “a volta dos 9”.
Na memoria do acontecido, e na memoria de todos os mortos pola liberdade, inaugúrase o próximo día 15 de outubro un pequeno bosque-escultura do artista Fernando Casás: 45 loureiros (a árbore dos heroes) circundan no estreito espazo da “volta dos 9” unha árbore tronzada, como degolada, fundida en bronce, memoria das nove voces caladas naquela data, representación de todas as voces caladas pola represión.