Mércores, 16 Oct. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Baiona A Xunta dá aprobación definitiva a un PXOM de Baiona marcado pola falla de consenso no local.

A Xunta dá aprobación definitiva a un PXOM de Baiona marcado pola falla de consenso no local.

Correo-e Imprimir PDF
pxom baiona 2

Coa sinatura esta mañá da orde de aprobación definitiva do PXOM por parte da Xunta de Galicia péchase máis dunha década de debates e desencontros urbanísticos en Baiona. O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, asinou hoxe a orde de aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Baiona, nun acto celebrado na casa consistorial no que estivo acompañado polo alcalde, Jesús Vázquez Almuíña, e pola secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas.

Agustín Hernández: “Un día histórico para este concello”.

Nun comunicado oficial da Xunta sinálase que deste xeito, “Baiona convértese no primeiro concello da provincia de Pontevedra neste ano e no número 75 de Galicia en dispoñer dun PXOM adaptado á Lei do solo”.

Pola súa banda, o conselleiro Agustín Hernández sinalou que se trata “dun día histórico para este concello”, que dispón dun Plan Xeral de Ordenación Municipal, que vén a substituír ao Plan de Ordenación Urbana vixente dende hai 20 anos.

Gabanzas do conselleiro da Xunta ao plan

Na súa intervención realizou un repaso polos puntos máis destacados do PXOM, entre os que salientou que un 80% da superficie do concello (27,7 Km2) está recoñecida como solo rústico protexido. Engadiu que máis dun 20% desa superficie é solo rústico de protección de espazos naturais. E a pesar de todas as pegas presentadas polos outros grupos políticos e colectivos socias de Baiona e bisbarra  salientou a protección da que gozarán os “tres espazos da Rede Natura 2000 Ramallosa, Costa de Oia e a Serra da Groba, así como os humidais da Cova da Poza, o Encoro do Baíña e A Ramallosa”.  Engadiu que os 8 km2 restantes corresponden co solo rústico de protección de augas, “para preservar os leitos fluviais do Baíña, Groba, Portelos e Outeiro”.

Solo urbano

O conselleiro tamén salientou que se trata dun plan xeral que “pon orde” do solo urbano (5,8% da superficie), outorgando “a seguridade necesaria fronte á presión urbanística”. Nese senso sinalou que o PXOM dispón de 2 núcleos urbanos, un na parroquia de Baiona e outro na zona de Rocamar (parroquia de Baredo).

En relación cos novos desenvolvementos, define nove solos urbanizables de uso co obxectivo de completar a trama urbana existente e contempla tamén un solo urbanizable de uso industrial de algo máis de 100.000 m2, que permitirá o desenvolvemento do polígono da Igrexa, na parroquia de Baíña.

Por outro lado, a capacidade residencial total que estima é de 11.721 vivendas no concello, das que unhas 3.700 serían novas, na súa meirande parte en solo de núcleo rural. Por último, con respecto ás dotacións, prevé preto de 340.000 m2 para espazos libres e zonas verdes, “un 6% máis do esixido por lei, e máis de 106.000 m2 para equipamento comunitario, o que supón nove veces máis do legalmente establecido”, sinala o conselleiro.

Máis gabanzas ao PXOM de parte de Hernández

O conselleiro asegurou que se trata “dun traballo serio e rigoroso que marcará a folla de ruta do desenvolvemento deste concello nos vindeiros 15 anos”. A nota engade que ademais a súa tramitación contou cunha subvención do Goberno autonómico de preto de 133.000 euros para a súa redacción.

O conselleiro Hernández manifestou que un plan xeral non é soamente un instrumento que garante a concesión de licencias, senón que o instrumento de planificación aprobado hoxe será “unha peza clave no obxectivo de que Baiona sexa cada día máis un lugar para vivir, ademais dun lugar para visitar”.