Os veciños de Baiona deberán agardar até despois da aprobación inicial para coñecer o documento urbanístico que será enviado á Xunta para a súa aprobación definitiva.
O PSOE denuncia que o futuro campo de golf na parroquia de Baredo susténtase únicamente cun informe da concesionaria de augas - Espina y Delfín e ante o descoñecemento da falta de rede de abastecemento de auga, por parte equipo redactor.
A alcaldía de Baiona prohibiu aos edís da oposición dar a coñecer públicamente o documento do PXOM así como a resolución das alegacións presentadas polos veciños.
Ante as pegas plantexadas en diversos informes de organismos estatais e autonómicos, o equipo redactor afirmou que eses cambios e modificacións serán arranxados en futuros plans sectoriais.
Nun proceso "express" o alcalde popular de Baiona, Jesús Vázquez, levará o PXOM para a súa aprobación inicial o vindeiro martes 25 de marzo. O documento, que segundo a oposición "cheira a especulativo", será aprobado sen necesidade de consenso co resto de partidos, pois o PP conta coa maioría absoluta na corporación municipal.
Tras case 10 anos de tramitación, pero con tan só dúas reunións informativas dende o cambio do equipo redactor, presentouse este xoves a nova redacción do documento baixo ameaza de sancións a aqueles concelleiros que divulguen o contido do mesmo.
A oposición denuncia que contou con menos de 72 horas para analizar a abondosa documentación presentada polo equipo redactor para este xoves ter a posibilidade de plantexar consultas. Por riba, a concelleira Isabel Domínguez (PSOE), denuncia que os edís da oposición foron ameazados con sancións en caso de divulgar ao público o contido do PXOM e as respostas ás máis de 300 alegacións presentadas polos veciños e coelctivos. Nese senso, foron advertidos pola Secretaria Municipal que fundamentou a medida nas reservas informativas contidas no artigo 13.3 do Real Decreto 2568/1986.
A pesar das ameazas, a portavoz socialista revelou a VM.info feitos como que o equipo redactor descoñecía que Baredo, a parroquia máis afectada por novas infraestruturas e zonas urbanizables, carece de abastecemento municipal de auga. Nese senso revelouse na reunión deste xoves, que o único estudo de augas que sustenta o desenvolvemento dun campo de golf e catro zonas de nova urbanización nesa parroquia é un informe da empresa Espina e Delfín. Unha empresa privada con intereses no concello por ser a concesionaria municipal do servizo. A maiores, esta empresa non atende a zona por contar con traídas comunais, e por tanto non contén no seu informe os consumos reais da parroquia baionesa.
A pesar da brevidade dos prazos, o PSOE afirma levar detectadas varias incongruencias, erros e deficiencias nos informes avaliativos do PXOM achegados desde a Xunta de Galicia e ministerios do Estado. Entre elas, o PSOE advirte fallas de previsión no financiamento de infraestruturas viarias proxectadas, e espazos dos montes comunais recalificados como urbanizables a pesar de contar con protección forestal.
Pese a este tipo de reticencias, todos estes informes até agora revisados polo PSOE, rematan sendo "favorables" ao novo documento urbanístico, coa advertencia de que deberán ser salvadas. Ante consulta do PSOE ao equipo redactor, estes últimos afirmaron que eses cambios e modificacións serán arranxados "en futuros plans sectoriais" unha vez superada a aprobación final.
O PXOM prevé aumentar en máis dun terzo o actual parque inmobiliario.
O PXOM prevé un incremento dun 37,32% no número de vivendas para os próximos 15 anos. Unha cifra desproporcionada segundo a concelleira Isabel Domínguez baseándose nos datos do INE en Baiona que cifra actualmente 4.120 vivendas principais, 3.383 secundarias “ocupadas un mes ao ano” e 1.062 baleiras. A cifra relaciónase cunha previsión non fundamentada con estudos demográficos, na que se asevera que nos próximos 15 anos a poboación local aumentará en 3.436 habitantes, cando nos últimos 15 anos só medrou en 1.376.