Sábado, 29 Feb. 2020

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Baiona O pleno de Baiona acordou solicitar un parque de bombeiros para o Val Miñor.

O pleno de Baiona acordou solicitar un parque de bombeiros para o Val Miñor.

Correo-e Imprimir PDF
O persoal do GRUMIR presentouse no pleno de Baiona.
O pleno debateu acaloradamente unha moción de acordo que xa viña consensuada.
  • Anterior
  • 1 of 3
  • Seguinte

O grupo municipal do BNG non puido obter o apoio do resto da corporación municipal de Baiona para incluír a necesaria "profesionalidade e carácter público" de calquera das posibles solucións que se adopten en relación ao servizo de prevención e extinción de incendios. O pleno acordou finalmente solicitar a Mancomunidade do Val Miñor que esta solicite ás administración autonómica e provincial a realización dos trámites necesarios para dotar á bisbarra dun parque de Bombeiros, pero sen especificar as características do mesmo. A intención dos nacionalistas era que Baiona, actualmente na presidencia da mancomunidade, acordara con Nigrán e Gondomar unha posición común que no posible dera continuidade ao equipo de traballadores do Grupo Municipal de Intervención Rápida (GRUMIR) Val Miñor, considerado uns dos máis preparados de Galicia.

O pleno tamén acordou "Solicitar a Xunta de Galicia e a Deputación Provincial de Pontevedra una axuda económica para garantir a prestación do servizo de emerxencias mentres non se dote ó Val Miñor dun parque de bombeiros". Unha medida transitoria da cal non se especificaron detalles.

"Que lle pregunten ao presidente da Deputación Rafael Louzán pola empresa Celta Prix"

O debate desenvolveuse baixo a atenta mirada dun grupo de traballadores do GRUMIR, actualmente beneficiarios dunha sentencia xudicial que obriga a Mancomunidade do Val Miñor a contratarllos de forma indefinida. Estes efectivos que ata de agora operaban durante nove meses ao ano -de abril a decembro- e recibían o seu salario a través dun subvención da Xunta de Galicia atópanse nunha situación de total incerteza tras a decisión da xunta de goberno da Mancomunidade do Val Miñor de eliminar o actual GRUMIR e substituílo por un equipo mixto integrado por axentes profesionais procedentes deste e voluntarios de Protección Civil. Medida fundamentada pola imposibilidade de facer fronte ao orzamento do servizo de aplicarse a resolución xudicial.

Se ben o pleno recibiu unha moción xa consensuada polos portavoces de tódolos grupos municipais, o debate foi intenso entre o portavoz nacionalista Xosé Enrique Fernández e o alcalde Jesús Vázquez Almuiña. O concelleiro Fernández insistiu en máis dunha oportunidade no posible interese de privatizar o servizo por parte da Deputación Provincial. "Que lle pregunten ao presidente da Deputación Rafael Louzán pola empresa Celta Prix", exclamou Fernández nun momento acalorado da discusión.

Pola súa banda, o alcalde Almuíña recordou a Fernández que a decisión final é da Mancomunidade a que ven desenvolvendo o tema en contacto cos traballadores. Tamén o rexedor fundamentou o negativa a incluír o carácter exclusivamente profesional da integración do futuro servizo pola existencia de subvencións ao persoal voluntariado que de feito existe, e que non vía motivos parar renunciar a el. O alcalde tamén alentou a renunciar a frases demagóxicas ante a presenza dos traballadores. Por último tanto o rexedor como o concelleiro Manuel Villar (independente) informaron da existencia dunha previsión de terreos a tal fin no PXOM de Baiona en tramitación.

Tres funcionarios do GRUMIR velarán pola seguridade da Festa da Arribada e todo o Val Miñor.

A todo isto a bisbarra miñorana conta nestes momentos cun servizo GRUMIR integrado por os tres funcionarios fixos "de tódala vida", afirmaron fontes dos traballadores. Esas tres persoas terán a responsabilidade de garantizar a seguridade e auxilio durante a Festa da Arribada das miles de persoas que congrega. Estes mesmos funcionarios deberán tamén manter o servizo para todo o Val Miñor na mesmas datas. Os destacamentos máis próximos aos concellos miñoranos son os de Porriño (tres funcionarios) e o de Vigo que poden responder baixo "previa autorización dos municipios aos que pertencen", condición que non sempre se cumpre informaron os traballadores, pois as necesidades do seu lugar de destino son prioritarias. Os últimos incidentes de incendio na bisbarra demostraron ademais que eses grupos de fóra do termo da mancomunidade non chegan antes dos 20 minutos e sempre e cando o sinistro sexa nunha zona de fácil acceso.