Domingo, 10 Nov. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor Comezaron no Val Miñor as xuntanzas informativas sobre o plan de reestrutura do transporte público presentado por ATSA.

Comezaron no Val Miñor as xuntanzas informativas sobre o plan de reestrutura do transporte público presentado por ATSA.

Correo-e Imprimir PDF
No documento do proxecto ATSA dá a coñecer os motivos de suspensión de cada liña.

- ATSA asegura que a reestrutura do transporte non será "traumática" e explica caso a caso os motivos das suspensións de servizos.

- Esquerda Unida, ANOVA e BNG presentan mocións contrarias á reestrutura nos concellos da bisbarra.

Diversos colectivos sociais e veciños da bisbarra reuníronse este xoves na parroquia de Priegue para informarse e debater a reestrutura do servizo de transporte público presentado por ATSA ante a Xunta de Galicia. O foro foi organizado por Esquerda Unida, o grupo que deu a alerta sobre a existencia do devandito proxecto e está a desenvolver xuntanzas no Val Miñor e o Baixo Miño no espallamento do documento.

Argumentos esgrimidos pola empresa ATSA no proxecto de reestrutura presentado ante a Xunta de Galicia.

Entre a documentación manexada na xuntanza atópase o argumentario presentado pola empresa na que se destacan as afeccións a Camos, Gondomar, Belesar e Chandebrito.

Camos

A empresa ATSA argumenta que debe reducir as expedicións que circulan pola parroquia de Camos (Nigrán) por ter unha utilización moi baixa "y reciben un profundo rechazo por parte de los viajeros, que nunca las han visto como alternativa a las expediciones que circulan directas por Nigrán".

Gondomar

No informe á Xunta, a empresa afirma que debe reducir as expedicións de saída e chegada a Gondomar porque a maior "parte del tráfico no tiene origen o destino en Gondomar". Asegura que a maior partes dos viaxeiros son recollidos logo de pasar A Ramallosa, "por lo que estos tráficos quedan cubiertos con las expediciones con salida de Baiona". Para rematar o argumentario sobre o recorte de servizos na vila, sostén que "la mayor parte de los viajeros que genera Gondomar tiene destino Vigo, y para ello ya tienen otra concesión que les debe dar dicho servicio".

Belesar e Chandebrito

A empresa sostén que os servizos de transporte a estas parroquias representan "los casos más flagrantes de despilfarro de medios", no senso que afirma que estes destinos teñen "nula ocupación" con non máis dun viaxeiro por día. A proposta é suspender estes servizos "como mínimo hasta que remonte la situación de crisis y se experimente un aumento efectivo en la demanda de dichos sevicios".

ATSA asegura que a reestrutura "no será traumática para el viajero".

No informe, asegúrase que as frecuencias proxectadas no eixe Baiona - Vigo (e viceversa) será igualmente superior ás que se rexistran noutras concesións en zonas similares. Ademais co fin de axeitar os servizos á "demanda real" os mesmos concentraranse entre as 7 da mañá ás 8 da noite, cunha frecuencia de unha expedición cada media hora. Delas, cada dúas horas, unha percorrerá a viaxe a Vigo pasando por Panxón e a Estrada pola Vía.

Co respecto a Gondomar, a empresa destinará unha expedición cada dúas horas, nun total de oito diarias de luns a venres. Nembargante catro delas será avaliadas trimestralmente para definir a súa continuidade. Nese senso só catro quendas son as que a empresa está disposta a asumir como obrigatorias. Finalmente, sinálase que as viaxes que saen de Gondomar o farán ás horas pares e ás impares de Vigo.

Medias colectivas contra o proxecto

Da xuntanza en Priegue, diversos colectivos tomaron a iniciativa de conformar un modelo de alegacións cara a presentarse na Xunta solicitando a retirada do proxecto de ATSA. Tamén unha carta dirixida aos Concellos cara a que tomen medidas na defensa das parroquias afectadas e dean pulo á creación dun plan de mobilidade metropolitano na área de Vigo.

Finalmente, EU anuncia que presentará nos tres concellos do Val Miñor, unha iniciativa na que recolle estes puntos ademais de propostas para incentivar o uso do transporte público de pasaxeiros. Iniciativas de similares contidos tamén foron anunciadas polos grupos nacionalistas de ANOVA e o BNG. No caso desta última agrupación, tamén está a levar adiante unha campaña de recollida de sinaturas.