Venres, 19 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar O Concello de Gondomar denuncia ante a Dirección Xeral de Mobilidade o incumprimento da concesión por parte da empresa Melytour

O Concello de Gondomar denuncia ante a Dirección Xeral de Mobilidade o incumprimento da concesión por parte da empresa Melytour

Correo-e Imprimir PDF
terminal gondomar

-Efectuáronse dúas denuncias pola supresión da liña das 07.20 horas con percorrido Vigo-Vincios-Gondomar-Morgadáns-Couso, e a liña das 07.55 con ruta Gondomar-Vigo

-Os feitos foron comprobados polo Concelleiro de Medio e Servizos, Juan Carlos Camesella, quen os puxo en coñecemento da Policía Local

O Concello de Gondomar informa que a través do concelleiro de Medio e Servizos, Juan Carlos González Camesella, denunciou, en dúas ocasións consecutivas, mediante escrito dirixido á Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia, o incumprimento da concesión de servizos de transporte por parte da empresa Melytour.

O obxecto da primeira denuncia foi pola decisión - tomada de forma unilateral por parte da empresa de transportes, segundo o Concello-, da eliminación da liña que realiza o percorrido de Vigo-Vincios-Gondomar-Morgadáns-Couso ás 07:20 horas.

Para comprobar a devandita irregularidade, o propio concelleiro compareceu na estación de autobuses de Gondomar. Unha vez verificado o incumprimento da empresa, procedeuse a poñer o feito en coñecemento da Policía Local, quen, despois de corroboralo, levou a cabo á redacción do correspondente informe, tamén remitido á Dirección Xeral de Mobilidade.

Segundo informa Juan Carlos González, a Dirección Xeral de Mobilidade xa procedeu a abrir expediente sancionador á empresa e imporá unha primeira sanción de 3.000 euros.

A segunda denuncia realizada desde o Concello de Gondomar baseouse na supresión, levada a cabo pola empresa Melytour, da liña das 07.55 horas con ruta Gondomar-Vigo. "Incluso quitaron esa liña da súa páxina web", declara o Concelleiro de Servizos.

En ámbalas dúas misivas enviadas, o Concello de Gondomar, a parte de comunicar dos feitos acontecidos, insta á Dirección Xeral "a tomar medidas contundentes contra a concesionaria", ademais da reposición de forma inmediata da liña suspendida.