Martes, 3 Dec. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor A deputada Carme Adán insta á Xunta de Galicia a intervir no tema das reducións do transporte público no Val Miñor.

A deputada Carme Adán insta á Xunta de Galicia a intervir no tema das reducións do transporte público no Val Miñor.

Correo-e Imprimir PDF
carme adan

-Propón a creación dun billete metropolitano e de tarifas reducidas para usuarios habituais, estudantes e xubilados
-O servizo do transporte no concello de Gondomar empeora dun xeito drástico, despois de que a empresa adxudicataria recortase a frecuencia das liñas nun 50%

O BNG plantexa no Parlamento galego o tema do drástico recorte do 50% das liñas de transporte que unen ao Concello de Gondomar con Vigo. Os nacionalistas denuncian que a medida unilateral de ATSA, "se traducirá nunha caída en picado da calidade do servizo que recibe a veciñanza do municipio e o conxunto da Comarca do Val Miñor".
A iniciativa, impulsada pola deputada do BNG Carme Adán en forma de proposición non de lei, insta ao Goberno da Xunta a tomar cartas neste asunto e esixir á empresa adxudicataria ATSA o mantemento das liñas que circulaban a principios deste ano no Val Miñor.
Neste sentido, Adán salienta que "a mellora do servizo de transporte non reside exclusivamente nas empresas, senón que as institucións e, neste caso, a Dirección Xeral de Mobilidade así como os concellos de Val Miñor, teñen a responsabilidade de garantir un servizo de calidade e actuar para que así sexa".
O BNG entende que se deben adoptar medidas para incrementar o número de usuarios, "en lugar de prexudicar a todos os veciños e veciñas cun recorte do servizo". Como propostas concretas, "mellorar a diversificación do servizo e a adopción de convenios necesarios entre as empresas que realizan o transporte entre as localidades de Val Miñor e o Baixo Miño coas que o realizan en Vigo", explica Adan na iniciativa.
Entre as medidas posibles, o BNG tamén pon sobre a mesa "a creación dun billete metropolitano que permita realizar transbordos entre diferentes liñas das mesmas ou de diferentes empresas que operen no ámbito da comarca de Vigo ou a creación de tarifas reducidas para usuarios habituais, estudantes ou persoas xubiladas", explica Carme Adán.
Aforro para as familias
O s nacionalistas sinalan que a única "opción que non lle vale ao BNG é a pasividade e incluso a complicidade do Goberno galego, que parece dar por asumible os argumentos da empresa de falta de usuarios, cando o que hai que facer e medidas para aumentalos e non prexudicar o servizo". "Estamos nun momento en que o lóxico é potenciar o transporte público para contribuír a redución de gasto en desprazamento das persoas e das economías familiares", conclúe Adán.