Martes, 3 Dec. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar Gondomar perde a metade das frecuencias a Vigo e queda sen liñas cara o centro de Nigrán.

Gondomar perde a metade das frecuencias a Vigo e queda sen liñas cara o centro de Nigrán.

Correo-e Imprimir PDF
horarioatsa

-A concesionaria de transporte ATSA reduce a partir do luns a 8 quendas a frecuencia Gondomar - Vigo de luns a venres, a 3 os días sábados e tan só 2 para os domingos e festivos.
-Os novos horarios non están dispoñibles na terminal de Gondomar, nin son coñecidos polas autoridades locais. Tampouco que as novas rutas deixa de comunicar a vila condal co centro de Nigrán e Coruxo, pois eliminan os traxectos pola PO 552 (carreteira de Camposancos).

-O BNG denuncia a "pasividade do goberno municipal" na xestión do conflito e acusa ao PP de botar abaixo as iniciativas parlamentarias que intentaban solucionarllo.
Os usuarios do transporte público de Gondomar reciben un novo recorte de quendas. Unha medida que ademais elimina todos os destinos da principal vía que comunica a Ramallosa co centro de Nigrán, a través das avenidas Manuel Lemos, Rosalía de Castro, Val Miñor e o resto das parroquias á altura da PO 552. Os novos horarios (ver imaxe que acompaña a nota), comezarán a rexer o vindeiro luns 2 de setembro.
A comunicación pública da modificación das quendas a fixo este sábado o BNG, alertado por varios veciños que recibiron as follas informativas no correr da semana nos propios autobuses da compañía. Unha información da que non dispón ata de agora o goberno local gondomareño segundo o admitiu o alcalde Fernando Guitián esta mesma tarde a Valminor.info. Por outra banda, ata as 20 horas deste sábado a propia terminal de autobuses de Gondomar carece dos novos horarios.
As portavoces nacionalistas Manuela Rodríguez Pumar (Val Miñor) e Marta Dacosta (Gondomar), salientaron a morea de prexuízos que esta medida terá para o desenvolvemento e mobilidade da poboación local. Nese senso, lembraron que a Mancomunidade do Val Miñor comprometeuse o pasado 1 de xullo a desenvolver accións en contra das reducións de quendas do transporte na bisbarra. Resolución que foi precedida dez días antes por un anuncio do alcalde de Gondomar que entaboaría negociacións coas empresas ATSA e Melytour ca fin de evitar a supresión de liñas.
"Mais o desenlace final é que Melytour xa reduciu as súas liñas de transporte neste verán e ATSA vaino facer a partir do luns, reducindo nun 50% as liñas de transporte, que pasa a ter unha frecuencia de cada dúas horas desde Gondomar e desde Vigo", sinalan as voceiras do BNG. Por outra banda, o BNG entende que "cómpre denunciar que esta redución afecta a Gondomar exclusivamente", posto que a modificación das quendas Baiona - Vigo, contempla manter os servizos polo interior de Nigrán.
O BNG responsabiliza ao goberno de Gondomar e o PP
O BNG denuncia a "pasividade do goberno local do PP" ante a redución das liñas. Lembra que en febreiro e marzo deste mesmo ano o BNG reclamou a actuación decidida do goberno municipal de Gondomar ante o anuncio das empresas Melytour e ATSA de reducir as liñas de transporte existentes, "xa moi deficitarias".
Nese senso, os nacionalistas iniciaron unha campaña que ademais da recollida de sinaturas entre os afectados incluíu a presentación de varias mocións nos Concellos e Mancomunidade do Val Miñor, así como unha moción no propio Parlamento Galego.
Nembargante, denuncian que en marzo o PP votou en contra dunha iniciativa do BNG no Parlamento Galego, sobre a problemática do transporte no Val Miñor e Baixo Miño. A iniciativa fora presentada o cinco de febreiro pola deputada Carme Adán ao facerse pública a intención das empresas que realizan o transporte nesta comarca de reducir o servizo.
O BNG que pula pola aplicación dunha política metropolitana en materia de transporte público, afirma que o PP é responsábel desta situación, especialmente o goberno municipal de Gondomar, "pois non actuou aínda tendo na súa man a ferramenta para tentar modificar a situación: a iniciativa presentada no Parlamento ou as alegacións presentadas ante a Dirección Xeral de Mobilidade, mais preferiu deixarlle carta branca ás empresas, no canto de buscar solucións para manter e mellorar o servizo".