Mércores, 4 Dec. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor ATSA esixe á Xunta a reestruturación inmediata dos servizos no Val Miñor ou unha compensación.

ATSA esixe á Xunta a reestruturación inmediata dos servizos no Val Miñor ou unha compensación.

Correo-e Imprimir PDF
atsa-baiona

A denuncia de Esquerda Unida publicada na tarde do pasado luns por Valminor.info sobre a proposta de reestruturación feita por Automóviles de Tuy, S.A. (ATSA) á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas está provocando ducias de pronunciamentos críticos nas redes, así como comunicados e a toma de posicións por parte de algúns grupos políticos comarcais.

Aos foros informativos xa anunciados por EU en Priegue (Nigrán) e A Guarda, sumarase unha recollida de sinaturas proposta polo BNG de Gondomar, así como varias mocións de urxencia nos plenos comarcais e a promesa do alcalde de Nigrán Alberto Valverde (en calidade de presidente da Mancomunidade), de estudar o caso para que os veciños do Val Miñor non sexan afectados polo axuste.

O axuste demandado por ATSA e os fundamentos principais.

Como xa informáramos, a empresa plantexa a eliminación das rutas nas parroquias de Chandebrito e Belesar, un servizo mínimo para as parroquias de Nigrán de Parada e Camos, así como deixar en tan só 4 quendas obrigatorias a liña Gondomar - Vigo e quitar a obriga de prestar 15 servizos entre Vigo- Baiona.

O expediente, de 64 folios, foi presentado por ATSA, con data 14 de agosto de 2012, nas oficinas da Xunta de Galicia en Pontevedra. Neste informe, a empresa presenta unha memoria na que sostén que a baixada do número de pasaxeiros, así como a suba dos custes de mantemento das liñas levou á empresa a unhas perdas netas de 42.550€ no exercicio 2010, de 179.090€ no 2011, e os resultados do análise do primeiro semestre do 2012 fai pensar aos responsables de ATSA que pode chegar aos 300.000€.

O devandito informe conclúe ao respecto que o servizo "NO ES QUE TENGA ESCASA RENTABILIDAD , SINO QUE GENERARÁ PÉRDIDAS NETAS" (Sic). Neste contexto, a empresa solicita a inmediata aceptación da súa proposta de axuste ou que se lles compense de manterse a obrigatoriedade dos servizos.

A crítica feita por EU

Para Josué Vilar, portavoz de EU Gondomar, o problema do transporte público do Val Miñor non pasa por solucionarlle o problema financeiro á empresa, senón por reestruturar o modelo de xestión deste servizo público. Nomeadamente, para EU é necesaria a implementación de políticas metropolitanas que fagan fincapé nas necesidades dos veciños e no desenrolo dos municipios e non pensarllas como "negocio". Nese senso opinan que o transporte debe ser "de calidade e barato", desenvolvido por unha empresa pública a través partidas orzamentarias das administracións públicas .

Aclaración do presidente da Mancomunidade do Val Miñor

Alberto Valverde advertiu que o Servizo de Mobilidade da Xunta de Galicia no ten autorizado nin denegado ningún dos contidos do plan presentado pola empresa de transporte, "es un planteamiento de la empresa concesionaria que deberá ser estudiado, y en el que tendrán su debida cabida las alegaciones presentadas por particulares y/o instituciones", declarou nun comunicado.

Convocatoria de EU a foros informativos.

Neste senso, este mércores 6 de febreiro ás 20 horas, terá lugar unha xuntanza informativa no Centro Cultural O Torreiro de Priegue, na que se expoñerán as cláusulas que quere levar adiante a empresa, así como as posibles alegacións que poderían presentar os veciños e asociacións afectadas pola reestrutura prevista.

Tamén no Baixo Miño terá lugar outra instancia informativa, o xoves 7 de febreiro, ás 19 horas no Centro Social O Fuscallo de A Guarda.

O BNG Gondomar comezou unha recollida de sinaturas en Gondomar.

Ao mesmo tempo o BNG iniciou xa unha campaña de recollida de sinaturas entre as persoas usuarias do transporte para manifestar o seu rexeitamento á redución das liñas de transporte e reclamar que, non só se manteñan os servizos actuais, senón que se amplíen e melloren, para que sexan "unha verdadeira alternativa ao vehículo particular e se incremente o seu uso".