Xoves, 9 Jul. 2020

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Gondomar Gondomar remata o 2013 sen unha solución á crise do transporte público.

Gondomar remata o 2013 sen unha solución á crise do transporte público.

Correo-e Imprimir PDF
atsa

-Logo de reunirse con autoridades da Xunta de Galicia e por separado coas empresas Melytour e ATSA a Plataforma de usuarios do transporte público de Gondomar afirma que "desgrazadamente a solución aínda está lonxe".
As liñas de ATSA seguen sen entrar á vila de Gondomar. Os recortes de frecuencias que dende hai catro meses aplicaron Melytour e a devandita ATSA seguen en pé. Non hai servizos directos a Baiona nin ao centro de Nigrán. Os máis de 300 universitarios que viven no concello seguen sen contar cun servizo ao campus universitario. "Non é de recibo que Gondomar padeza esta situación en tempos de crise onde o transporte en bus é vital para moitas persoas", denuncian desde a Plataforma pola defensa do transporte público de Gondomar.

A Dirección de Mobilidade comprometeuse a xestionar para antes de fin de ano unha reunión onde estean presentes as dúas empresas transportistas, o Concello de Gondomar e mais os usuarios. Arestora "non temos confirmación da mesma, o cal nos crea inquietude e preocupación", sinalan os usuarios.
Por iso reclaman á Xunta de Galicia "que se implique a fondo" e poña toda a súa autoridade legal en solucionar este problema que "ten a Gondomar en niveis de illamento peores que hai 50 anos".
A Plataforma espera a concreción da xuntanza pendente para convocar unha asemblea informativa e analizar "os acordos, se os houber, e senón tomar outro tipo de medidas". Para os usuarios "aínda pesan moito os contenciosos" que as empresas Melytour e ATSA manteñen dende hai anos. Situación que entenden é froito "dunhas concesións feitas ao marxe dos intereses das persoas usuarias, e pensadas exclusivamente no beneficio empresarial.