-“Gondomar en pleno século XXI, a nivel de transporte de viaxeiros por estrada, está peor servido que hai 30 anos”, afirma o concelleiro Antonio Araúxo Quintas (ANOVA).
-ANOVA acusa ás empresas transportistas ATSA e MELYTUR porque “desprezan aos usuarios e potenciais clientes suprimindo unilateralmente liñas e servizos”
-O voceiro nacionalista acusa ao alcalde popular Fernando Guitián por “desleixo e desinterese” dos problemas dos veciños, tras ter admitido a menos de 48 horas da redución o seu descoñecemento do tema.
Para ANOVA Gondomar goberna “O mundo ao revés”. Sinalan que mentres o alcalde de Gondomar “non defende á veciñanza porque di que descoñece o problema do transporte de viaxeiros en bus que lle afecta a ducias de veciños do noso concello, as empresas transportistas, ATSA e MELYTUR, desprezan aos usuarios e potenciais clientes suprimindo unilateralmente liñas e servizos”. Todo isto provoca en opinión dos nacionalistas que “ao final están promovendo interesadamente o círculo vicioso de: non damos servizo porque non hai viaxeiros, e non hai viaxeiros porque non hai servizo”.
Araúxo: Se as concesionarias non queren o servizo “xa virá quen as colla”
O concelleiro Antonio Araúxo Quiintas, sinala que a desculpa para este tipo de práctica empresarial “absurda é a de sempre: que as liñas que suprimen non son rendíbeis”. Nese senso, opina que estas ante unha verdade a medias pois neste caso “ATSA do que tería que falar é da rendibilidade de toda a concesión, cousa que oculta deliberadamente. É sabido que as concesión de percorridos que a Xunta lle autoriza ás empresas de transporta teñen liñas máis rendibeis que outras que ao final compensan os beneficios de toda a concesión”. Nese senso afirma que “se a calquera destas empresas que na actualidade teñen as concesións do transporte de viaxeiros que unen Gondomar coa Comarca e con Vigo, non lle interesan as mesmas, que renuncien a elas que estamos seguros que xa virá quen as colla”.
Gondomar está peor servido que hai 30 anos
“A opinión pública debe saber que Gondomar en pleno século XXI, a nivel de transporte de viaxeiros por estrada, está peor servido que hai 30 anos, cando daquela tiñamos a posibilidade de viaxar en liñas regulares a Tui, O Rosal ou, irmos dende Valadares e Vincios ata A Ramallosa”, continúa Araúxo.
Nese senso lamenta que aínda hoxe non existe unha conexión regular entre o Val Miñor e a Universidade de Vigo “onde estudan e traballan centos de persoas da Comarca”. “Por non falar da odisea que supón ir a Vigo por Nigrán tendo que coller o bus en Mañufe para a ida o un Florida para a volta”, agrega.
O nacionalista cualifica esta situación como un “disparate que a Xunta non quer resolver, e que xunto con esto outras medidas que agora toma ATSA o único que conseguen é que teñamos que coller o coche particular para nos desprazar o que necesariamente levará á desaparición total do propio servizo”.
ANOVA “informará ao alcalde” dos problemas do transporte público no pleno de setembro.
ANOVA anuncia que presentará unha moción no pleno de Gondomar do vindeiro 12 de setembro, onde aseguran “procuraremos informar exhaustivamente ao señor alcalde desta problemática, xa que o seu desleixo e desinterese polos problemas de Gondomar, lle impiden tomar partido a favor das persoas afectadas”.
Por outra banda, esixirán á Xunta de Galicia que impida esta medida unilateral de ATSA “suprimindo liñas de vital importancia”, ou levando de “excursión” a Vigo por Panxón aos usuarios do servizo, con viaxes da máis dunha hora e con billete a prezo de “excursión”.
ANOVA entende que é responsabilidade da Xunta racionalizar os servizos do transporte no Val Miñor, e que para iso “cómpre unificar todo o transporte da Área Metropolitana de Vigo,implantando o billete único, onde o Val Miñor e Gondomar estean comunicados interiormente, coa cidade de Vigo, coa Universidade e co futuro hospital de Valadares que necesariamente terá que ser o hospital de referencia para a nosa Comarca.”