Venres, 6 Dec. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Baiona EQUO convida ao alcalde de Baiona a aparcar o coche durante unha semana.

EQUO convida ao alcalde de Baiona a aparcar o coche durante unha semana.

Correo-e Imprimir PDF
coches-baiona

En plena crise do transporte público na bisbarra, o partido EQUO Pontevedra instou este venres ao alcalde de Baiona a sumarse á campaña europea "Móvete por un aire máis limpo", que terá lugar desde o vindeiro 16 ao 22 de setembro. A mesma procura sensibilizar ás autoridades locais europeas a introducir medidas de transporte público sostible nas vilas e cidades, no canto de modificar hábitos de desprazamento e buscar alternativas ao vehículo privado.

Organizada co apoio das direccións xerais de Medio Ambiente e Transporte da Comisión Europea, a iniciativa quere poñer a proba outras alternativas de mobilidade urbana máis respectuosas co entorno que melloren a calidade do aire: reparto de mercadorías en vehículos ecolóxicos, novas liñas de transporte público, sistemas de coche compartido, carrís bici, peonización de rúas, camiños escolares, etc. "En definitiva, unha aposta por mellorar a calidade de vida nas nosas cidades", sinalan dende EQUO.
Neste senso, lembran que malia a crise e "os drásticos recortes sociais, seguimos adicando unha gran cantidade de fondos a grandes infraestruturas de transporte que favorecen o uso do coche nas nosas cidades e zonas metropolitanas, resultando que nas contornas urbanas a calidade de vida e a saúde da poboación están intimamente ligadas ao uso do coche".
Por isto piden ao Concello de Baiona que se sume a esta iniciativa, "pero ademais que non só o fagan durante esta semana para a mobilidade, senón que nos demais días do ano, se involucren para a promoción do transporte sostible".
Os promotores invitan "aos cidadáns a buscar alternativas ao vehículo privado, ou polo menos, a un uso máis eficiente do mesmo. Desta forma recórdase aos e ás cidadás que lograr unha mobilidade sostible é tarefa de todos", sinalan.