Venres, 26 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor ANOVA presenta un plan alternativo de mobilidade sen peaxes na AG-57 e un billete único metropolitano.

ANOVA presenta un plan alternativo de mobilidade sen peaxes na AG-57 e un billete único metropolitano.

Correo-e Imprimir PDF
universidade-bus
anova-in-val-minhor
  • Anterior
  • 1 of 2
  • Seguinte

-Os nacionalistas rexeitan un posible “rescate” da Xunta ás concesionarias das autoestradas e propoñen converter a AG-57 nunha vía de uso interno para a comarca do Val Miñor.

-ANOVA reclama o billete único metropolitano que favoreza a comunicación do Val Miñor coa cidade de  Vigo, co Campus da Universidade, co futuro hospital de Valadares, coa Louriña, co Baixo Miño, ou mesmo co Morrazo.

ANOVA fixo público un plan de mobilidade para a bisbarra do Val Miñor baseado na comprobada infrautilización da autoestrada AG-57 , o deficiente servizo de transporte público que sufre a poboación, sumado ao “nulo efecto vertebrador”, que ofrece á comarca a rede de carreteiras e camiños que a atravesan. Os nacionalistas entenden que é imprescindible levar adiante unha política de mobilidade axeitada ás necesidades reais dunha poboación de máis de 50.000 habitantes, con graves problemas de comunicación ao interior da bisbarra, e o acceso aos servizos básicos: hospitais, ensino (universidades e bacharelatos de Vigo), así como outras bisbarras da contorna (Louriña, Baixo Miño e o Morrazo).

ANOVA rexeita un posible “rescate” ás empresas concesionarias das autoestradas.

O grupo nacionalista rexeita un posible “rescate” das concesionarias das autoestradas de propiedade autonómica ante o descenso debido “á perda de usuarios e usuarias das peaxes, que a Xunta cuantifica nunha media de 4.500 coches/día. Unha destas estradas que segundo a Consellaría de Medio Ambiente e Infraestruturas produce perdas é a do Val Miñor (a  AG57), cunha caída dun 14%”, salientan. O rescate para ANOVA non faría máis que destinar unha nova morea de cartos a prol de garantir a “rendibilidade das concesións” co xeito de que as “empresas adxudicatarias non perdan cartos”, pero que non atende as necesidades dos usuarios e mantén a rede de infraestruturas “desatendidas”.

Por que a AG-57 da perdas no Val Miñor?

Para ANOVA esta situación “era previsible e, xa no inicio das obras”. Nese senso, lembran que a sociedade civil “advertía dun final semellante”, debido a “ o grande negocio destas obras  estaba na construción das mesmas” e “nunca foi pensadas en clave de rendibilidade social”. Por riba, o “encarecemento dos combustibles, e agora a crise, fai que diminúa o uso dos vehículos particulares facendo que o transporte de persoas, mercancías, etc, necesariamente evoluciones a favor do transporte colectivo coa caída dos tránsitos por autoestrada”, sinalan.

ANOVA rexeita o vial de alta capacidade en Nigrán cando existe unha autoestrada infrautilizada.

Os nacionalistas denuncian que “a pesar destas obviedades que xa se teñen en conta noutros países á hora de deseñar o seu viario, no Val Miñor os actuais gobernos municipais teiman en programar vías de alta capacidade, destrutivas medioambiental e socialmente e insostibles á hora de financiar e de manter” . Entenden que o vial de alta capacidade  previsto no PXOM de Nigrán (retirado en principio polo pleno a pasada semana) atravesa o Concello “coma unha navallada sen ningunha racionalidade, e que só se explica dende a especulación ou dende intereses espurios”.

A autoestrada aínda non pagou a súa débeda co Val Miñor.

“O dano que esta obra (AG-57) fixo á Comarca do Val Miñor aínda non foi resarcido, cando menos no plano socioeconómico, pois a paisaxe e o medio ambiente perdéronse para sempre”, sinalan dende ANOVA.  “A maiores segue a ser unha infraestrutura infrautilizada e  con nulo efecto vertebrador no Val Miñor, nunha comarca con máis de 50.000 habitantes con importantes carencias de mobilidade”.

ANOVA é partidaria de retirar os peaxes comarcais da AG-57 e conectar o enlace Salgueiro-Vincios.

Para os nacionalistas é primario “rescatar a concesión da autoestrada AG-57, eliminando as peaxes e converténdoa nunha vía de uso interno para a comarca do Val Miñor e de saída para fóra da mesma, así como a circunvalación que precisan Vincios,  Sabarís,  Baiona, etc”.

Ao mesmo tempo, sinalan a necesidade de proceder “á apertura, libres de peaxe, dos enlaces da Autoestrada do Val Miñor que levan construídos dende o ano 1997 á altura do Salgueiro-Vincios, e que darían acceso a Chandebrito, Camos e Vincios”.

Boleto único para a área metropolitana

Por último e para completar as necesidades de comunicación interna do Val Miñor e coa Área Metropolitana, ANOVA entende que é fundamental elaborar “un plan de mobilidade que recolla a implantación do billete único, horarios e percorridos axeitados, que teña en conta a realidade socio económica da comarca do Val Miñor e favoreza a súa comunicación coa cidade de  Vigo, co Campus da Universidade, co futuro hospital de Valadares, coa Louriña, co Baixo Miño, ou mesmo co Morrazo”.

ANOVA presentou esta proposta o pasado venres en Baiona, nunha comparecencia na que estivo presente a deputada Chelo Martínez (AGE) e o portavoz de ANOVA-IN do Val Miñor, o concelleiro de Gondomar,  Xosé Antonio Araújo Quintas.