Os máis de catrocentos expedientes con solicitudes de altas e baixas de empadroamento que estaban pendentes no Concello de Gondomar dende xuño de 2010, xa foron rexistradas e entregadas ao Instituto Nacional de Estadística (INE), informou a concelleira de Persoal de Gondomar, Natalia Salgueiro. O retraso foi denunciado na primeira quincena de xaneiro polo candidato a alcalde do PSOE - Gondomar, Francisco Ferreira. De feito cando o 31 de xaneiro pechaba o prazo para empadroarse nos concellos de cara ás eleccións de maio, Gondomar mantiña un importante atraso na actualización do seu padrón. Segundo a concelleira Salguerio, o devandito atraso foi subsanado e a lista completa do padrón municipal está nas oficinas do INE.
Gondomar
A lista de altas e baixas do padrón de Gondomar foi entregado en tempo e forma no INE.
Gondomar: un Concello Express.

Doce minutos e dez segundos dedicaron os dezasete concelleiros de Gondomar en resolver un pleno ordinario que se realizaba: dúas semanas despois da grave denuncia de uso de información urbanística reservada, da posible irregularidade urbanística do candidato Fernando Guitián, na parroquia de Peitieiros, e da posible inhabilitación de centos de cidadáns para votar polo atraso da súa inscrición no rexistro de empadroamento. De feito, ningún destes temas que acapararon a axenda política destes primeiros meses do 2011 foron mencionados no transcurso da sesión. O tema ao que máis tempo lle dedicaron os edís foi á desafectación de material informático inútil (3 minutos con 3 segundos) e porque o BNG preguntou pola situación da empresa encargada de facer o inventario. O único acordo que deixou para os veciños de Gondomar este pleno foi a constitución da mesa local de comercio, obrigada pola nova lei que regula o sector.
O BNG denuncia desfeitas na limpeza dos ríos de Gondomar.
O BNG acaba de denunciar publicamente unha serie de desfeitas nas terras lindantes cos ríos de Gondomar. Segundo o comunicado polo Bloque dende hai varias semanas unha empresa contratada pola Xunta "está procedendo á limpeza das beiras dos Ríos Miñor e Zamáns. Se ben poderíase considerar que limpan demais, pois arrasan con toda a vexetación de ribeira ata a auga mesma sen respectar a vexetación autóctona". Os nacionalistas din que é entendible este tipo de traballos de limpeza que evitan as enchentes de inverno, pero afirman "Outra cousa é arrincar os cañotos das árbores previamente taladas co conseguinte movemento de terras e sobre todo a desprotección das terras fronte as fortes correntes de auga."
Un milleiro de persoas e un só berro: Defender a Serra do Galiñeiro.

Unhas 1400 persoas nun día de chuvia e con néboa circundaron toda a Serra do Galiñeiro para mostrar o seu desexo de protexer este enclave único do sur da provincia de Pontevedra. Un grupo de ciclistas de todas as Rías Baixas abriron a marcha convocada pola Plataforma pola defensa da Serra do Galiñeiro, e destrás cidadáns de Vigo, O Morrazo, a Louriña, o Val Miñór e de outras bisbarras fixeron o camiño que se quere surcar de aeroxeradores. Grandes cartaces, que oportunamente colocaron os montañeiros, mostraron o impacto paisaxístico, acústico e ambiental da pistas e outras infraestruturas que este polígono requiriría.
A plataforma pola protección da Serra do Galiñeiro inicia as súas actividades reivindicativas
A asociación pola defensa da Serra do Galiñeiro organiza para este domingo día 20 unha camiñata pola Serra do Galiñeiro. A asociación agarda a chegada de numeros asistentes pese as inclemencias do tempo que ameazan con precipitación.
A recén constituída plataforma de defensa da Serra do Galiñeiro asegura que ante os grandes valores deste espazo e as ameazas de degradación que penden sobre el, unha gran marioría de veciños e veciñas dos cinco municipios que rodean á Serra do Galiñeiro apoian a solicitude de clasificalo como Espazo Natural Protexido e rexeitan a instalación do parque eólico previsto na citada serra debido ás consecuencias que terían sobre este espazo.
Cos 3 votos do PP foi aprobada a planta móbil de machaqueo de entullo para Prado - Morgadáns.

O pleno da Entidade Local Menor de Morgadáns aprobou a cesión inmediata de 9.450 m2 de monte comunal, extensivos a 21.422 m2, para a instalación dunha planta móbil de machaqueo e reciclaxe de entullos capaz de procesar 250m3 ao día. A mesma será situada na zona de Prado a carón dunha antiga canteira a 200 metros da ermida San Xosé de Prado. A concesión por catro anos renovables foi outorgada ao empresario Guisuppe Mecca Stolfi en representación de Construcciones y Excavaciones Mecca G.S.L., a cambio dun canon anual de 6.000 euros máis material para firmes e recheos de pistas e camiños da parroquia.
Morgadáns: Unha industria no monte, 3 anos sen aprobar contas e un orzamento dubidoso nun só pleno.

Unha planta móbil de machaqueo e reciclaxe de entullo será proposta mañá no pleno da Entidade Local Menor de Morgadáns. A instalación está proxectada no "monte Penido" a uns 200 metros da capela do Barrio de Prado, na devandita parroquia, segundo a documentación presentada por Urbano Esmerode, presidente da Entidade, ao Concello de Gondomar para a súa inclusión na redacción do novo PXOM. A montaxe da planta require duns 9500 m₂, e unha área de ampliación dispoñible de ata 22.000 m₂. A empresa solicitante dos permisos é Construcciones y Excavaciones Mecca, de Sabarís, representada polo empresario Guisuppe Mecca Stolfi.
O BNG pon o novo PXOM de Gondomar a un clic e De Lis advirte da súa “alegalidade”.

O BNG Gondomar xa colgou os planos do novo PXOM do devandito concello no seu blog. O conxunto de mapas contén a información urbanística provenente dun soporte informático que segundo os nacionalistas o concelleiro de Urbanismo Alfonso De Lis, o presidente local do PP, Eladio Bargiela e mais o concelleiro independente Manuel Núñez Sestelo, estaban a repartir entre “amigos do goberno” como información privilexiada, feito desmentido rotundamente polos acusados. Pola súa banda, o concelleiro de Urbanismo Alfonso De Lis afirmou que os documentos do novo PXOM de Gondomar publicados polo BNG no seu blog non son os que ten na actualidade a estudo os servizos xurídicos da Xunta de Galicia. O edil non adscrito advertiu que a divulgación pública dos documentos é polo menos un feito “alegal” pois trátase de información de carácter reservada.
As denuncias urbanísticas irrompen novamente en Gondomar.

Unha primeira redacción do novo PXOM de Gondomar estaría circulando a través de discos e fotocopias de planos entre "amigos do goberno", denunciou este medio día o grupo municipal do Bloque. Segundo os nacionalistas o manexo de información "privilexiada" garda certa similitude cos feitos denunciados en 2006 e remataran cunha ameaza criminal a Antonio Araúxo, cousa que nunca sucedeu pois "o 14 de febreiro de 2007, eran detidos o concelleiro de urbanismo, o de cultura, etc polo cobro de comisións para modificar ou incluír urbanizacións no devandito PXOM". A denuncia sinala como "repartidores" da información ao concelleiro de Urbanismo, Alfonso De Lis (non adscrito), ao secretario persoal do alcalde e presidente do PP-G, Eladio Balgiela e mais ao concelleiro independente Manuel Núñez Sestelo. Pola súa banda, os denunciados rexeitaron enerxicamente as acusacións do Bloque ás que definiron como unha campaña gratuíta de desprestixio dirixida as súas persoas.
JPAGE_CURRENT_OF_TOTAL