Domingo, 28 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar Cos 3 votos do PP foi aprobada a planta móbil de machaqueo de entullo para Prado - Morgadáns.

Cos 3 votos do PP foi aprobada a planta móbil de machaqueo de entullo para Prado - Morgadáns.

Correo-e Imprimir PDF
Cos 3 votos do PP contra 1 do BNG foi aprobada a planta móvil de machaqueo de entullo en Prado.

O pleno da Entidade Local Menor de Morgadáns aprobou a cesión inmediata de 9.450 m2 de monte comunal, extensivos a 21.422 m2, para a instalación dunha planta móbil de machaqueo e reciclaxe de entullos capaz de procesar 250m3 ao día. A mesma será situada na zona de Prado a carón dunha antiga canteira a 200 metros da ermida San Xosé de Prado. A concesión por catro anos renovables foi outorgada ao empresario Guisuppe Mecca Stolfi en representación de Construcciones y Excavaciones Mecca G.S.L., a cambio dun canon anual de 6.000 euros máis material para firmes e recheos de pistas e camiños da parroquia.

A resolución foi aprobada cos tres votos favorables dos representantes do PP e o voto negativo do BNG. A acta de resolución pasa agora ao Concello de Gondomar e mais a Consellería do Medio Rural que deberán outorgar os permisos e licenzas finais.

Pedras, lastras, formigón e tellas son os materiais que maioritariamente procesará unha máquina austríaca marca Rockster modelo 900 R, montada sobre rodas. Segundo o informe presentado pola empresa, a machacadora é capzz de procesar 250m3 diarios de entullos e producir un material óptimo para a súa reutilización en firmes e sub bases de rúas e camiños. Un imán colocado á saída da cinta de transporte principal permite separar a ferralla deixando o producto final sen metais, aseguran, o que permite o tratemento de formigón armado. Un sistema interior de regado actúa na redución de po e unha retroexcavadora de eirugas de ferro rechea a moega de alimentación da máquina. A finca sobre a que se instalará a procesadora deberá contar con subministración de auga. Se ben o presidente da Entidade, Urbano Esmerode asegurou que o proxecto non contempla obras, o escrito presentado pola empresa describe unha caseta de obra para abasto de ferramentas, recambios de desgaste de maquinaria e vestiario dos operarios.

A empresa que xestionará esta instalación é Construcciones y Excavaciones Mecca G.S.L., fundada a principios dos anos setenta e da que figuran como representantes os empresarios Giuseppe Mecca e mais Maikel Mecca. Na actualidade está dedicada “a la demolición de calles en la ciudad de Vigo y sus alrededores”, segundo consta no escrito de presentación ao Concello de Gondomar. O empresario Giuseppe Meca, fundamentou a necesidade desta iniciativa na rentabilidade que brinda a súa empresa a xestión do depósito e posterior tratamento dos residuos das súas propias obras. Un insumo de peso nos orzamentos das construtoras do seu tipo cando debe ser contratado a terceiros.

A planta de Prado tamén recibirá os entullos doutras empresas que contratarán os servizos de Mecca, adiantou. Sen entrar en detalles sobre o monto final da inversión, Giuseppe Mecca informou que a planta se xestionará cun só operario, pero matizou que a maior ocupación e de chófers e persoal dos camións que trasladan os entullos e levan as “zahorras”, produto final reciclado.

O presidente da corporación Urbano Esmerodes, asegurou que o lugar foi visitado polo arquitecto e o aparellador municipais de Gondomar e contaría co visto e prace dos mesmos. “Claro – afirmou- que agora hai que esperar a resolución do Concello de Gondomar e de Medio Rural que ten a última palabra”. Esmerode mostrouse satisfeito ante un novo investimento que achegará novos ingresos á parroquia e que afirmou non afectará ao monte, xa que o lugar onde estará a planta xa estivo ocupado por unha canteira.

Para Xaime Luxilde as cousas non están tan claras e esta iniciativa non sería máis que sumar unha nova ilegalidade a outras preexistentes. A canteira da que fala Esmerodes non ten permisos e funciona por pura tolerancia, afirmou no transcurso do pleno. O vogal nacionalista destacou o trastorno que esa planta en funcionamento traerá en materia de ruido e lixo para a comunidade. Luxilde mostrouse preocupado pola falla de planificación coa que se ben xestionando o monte público por parte da administración do popular Esmerode.

Tamén veciños e membros de asociacións veciñais e defensoras do medio ambiente, manifestaron a Valminor.info a súa preocupación polo impacto desta industria sobre o monte parroquial. En primeiro lugar a utilización destes reciclaxes nas pistas e camiños da parroquia non é ben vista por moitos expertos que a consideran un elemento altamente contaminante e pouco efectivo. A acumulación de lixo na planta e outro elemento de preocupación, xa que o entullo ben acompañado de plásticos, ferros e outros productos que serán deixados en depósito á espera do seu procesamento. O aumento considerable do tráfico de camións tamén e un impacto que preocupa polas súas consecuencias na biodiversidade do monte. Outro aspecto a contemplar advertiron é a existencia de bens arqueolóxicos como as mámoas (enterramentos prehistóricos) no espazo destinado á machacadora.