Sábado, 6 Jun. 2020

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Val Miñor Os tres veciños do Val Miñor de orixe portuguesa asasinados polo franquismo foron honrados en Monçao.

Os tres veciños do Val Miñor de orixe portuguesa asasinados polo franquismo foron honrados en Monçao.

Correo-e Imprimir PDF
placa-moncao-vitimas

"Foi criminoso o acto cobarde e intolerante que os abateu.

Mas seria também criminoso continuarem nas penumbras do esquecimento."

José Emílio Pedreira Moreira (Presidente da Câmara Municipal de Monção) 12-05-2012.

-A memoria de Abilio Araújo Barbosa e Manuel Prudencio do Rosario (veciños de Gondomar) así como a de Telmo Freitas (veciño de Panxón), foron honradas no acto "Homenagem a Portugueses mortos pelo Franquismo durante a Guerra Civil Espanhola", celebrado o pasado 12 de maio de 2012 en Monçao.

Canda a interpretación do "Himno de Riego" e a emblemática canción "Grândola, Vila Morena" foi descuberta unha placa que honra a memoria de 56 vítimas da represión franquista de orixe portugués, o pasado sábado 12 de maio no municipio de Monçao. Tratouse do primeiro acto de dignificación da memoria destes homes e mulleres na súa terra nai, a pesares dos anos transcorridos.

Na cerimonia, na que participaron representantes do Instituto de Estudos Miñoranos, fixeron uso da palabra o Presidente da Câmara de Monção, José Emilio Moreira, o Reitor da Universidade do Minho, António M. Cunha e o profesor do Instituto de História Contemporânea da Universidade Nova de Lisboa, Fernando Rosas. O ex presidente da República, Mário Soares, mediante un escrito, desculpou a súa ausencia por motivos de saúde.

Posteriormente, na Casa Museu de Monção da Universidade do Minho, ante unha sala totalmente chea, Lourenzo Fernández Prieto, director do proxecto Nomes e voces da Universidade de Santiago de Compostela, e o historiador galego Dionisio Pereira, salientaron a importancia das pescudas que a través do devandito proxecto e os traballos conxunto de investigadores das dúas beiras do Miñor, permitiron este avance na recuperación da memoria colectiva.

Polo lado dos investigadores portugueses, a antropóloga Paula Godinho da Universidade Nova de Lisboa insistiu na necesidade de que a memoria abandone a esfera do privado, ao mesmo tempo que reivindicou o exemplo destes portugueses que se integraron na resistencia galega ao fascismo, nunha mostra da pertenza a un "Nós" identitario moito máis alá da lingua entre Galicia e Portugal.

Preme aquí para descargar a lista completa das vítimas portuguesas da represión franquista.

Preme aquí para descargar o discurso completo de José Emílio Pedreira Moreira (Presidente da Câmara Municipal de Monção).