Venres, 5 Jun. 2020

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Val Miñor Tres veciños do Val Miñor asasinados na ditadura franquista serán homenaxeados en Portugal.

Tres veciños do Val Miñor asasinados na ditadura franquista serán homenaxeados en Portugal.

Correo-e Imprimir PDF
urnas-das-persoas-exhumadas

Un total de 56 homes e mulleres de orixe portugués están rexistrados no proxecto Nomes e Voces, como vítimas de represión franquista. Deles, tres vivían no Val Miñor, nomeadamente Abilio Araújo Barbosa, Manuel Prudencio del Rosario e Telmo Freitas Lima. Os dous primeiros, veciños afincados na parroquia de Chaín (Gondomar) e asasinados na estrada Baiona - A Guarda, á altura de San Xián en febreiro de 1937. Telmo Freitas moraba en Panxón e foi fusilado en Pereiró. Todos eles serán homenaxeados este sábado 12 de maio na Universidade do Minho, na vila portuguesa de Monção.

 

Unha delegación do Instituto de Estudos Miñoranos estará presente no acto. Nomeadamente o equipo de historiadores e arqueólogos que levaron adiante os traballos de investigación e exhumación -a pedido dos familiares-, dos cadáveres de Abilio Araújo Barbosa e Manuel Prudencio del Rosario nunha tarefa conxunta co Instituto de Medicina Forense da Universidade de Santiago e a Xunta de Galicia.

Co título "Homenagem a Portugueses mortos pelo Franquismo durante a Guerra Civil Espanhola", desenvolverase un programa que comezará as 15 horas coa descuberta dunha placa coa listaxe das vítimas que estará encabezada polo ex presidente da República de Portugal Mário Soares. Posteriormente intervirán José Emilio Moreira (Presidente da Câmara Municipal de Monçâo), António M. Chunha (Reitor da Universidade do Minho) e Fernando Rosas (Instituto História Contemporânea, da Universidade Nova de Lisboa). O acto rematará cunha actuación do Grupo de Gaiteiros "Os Conxeiros".

Ás 16 horas, na Sala de Conferencias da Casa Museu de Monção, da Universidade do Minho, desenvolverase un faladoiro coa participación de Lourenzo Fernández Prieto e Dionisio Pereira (Proxecto de Investigación "Nomes e Voces" da USC), Paula Godinho (Facultade de Ciencias Socias da Universidade Nova de Lisboa), Norberto Cunha (Universidade do Minho). Sesión que rematará cunha actuación do Grupo Cultural "Os Sinos de Sé".

O acto memorístico está organizado pola Universidade do Minho, a Universidade Nova de Lisboa, a Fundação Mário Soares, o Centro Histórico Cotemporâneo, o Proxecto Nomes e Voces da Universidade de Santiago de Compostela, a Câmara Municipal de Monção .